
Representantes dos municipios máis afectados polas chuvias do pasado 17 de xuño, debido aos graves arrastres das zonas queimadas durante o pasado verán, mantiñan esta mañá unha reunión co conselleiro de Presidencia, Xustiza e Deportes, Diego Calvo, á que tamén asistía o presidente da Deputación de Ourense, Luis Menor e responsables da Deputación de Lugo
En concreto acudían representantes dos concellos ourensáns de Viana do Bolo, Vilamartín de Valdeorras, O Barco, Vilardevós, A Gudiña e A Rúa e os lucenses de Monforte e O Saviñao. No encontro tamén participaron a directora xeral de Calidade Ambiental e Sostibilidade, María José Echevarría, a directora da Axencia Galega de Infraestruturas, María Deza, a directora xeral de Administración Local, Natalia Prieto, e o director xeral de Emerxencias e Interior, Santiago Villanueva, así como o delegado territorial da Xunta en Ourense, Manuel Pardo.
O encontro serviu para coordinar as actuacións necesarias de cara a avanzar na recuperación dos servizos e das infraestruturas danadas e impulsar actuacións que permitan dar unha resposta áxil ás necesidades dos concellos. Neste sentido, entre os principais asuntos abordados, estableceuse que os concellos afectados deben remitir unha valoración detallada dos danos nos seus municipios co obxectivo de avanzar nas posibles vías de colaboración, segundo informa a Xunta
No caso concreto de Viana do Bolo, a través da Deputación Provincial de Ourense, contratarase unha empresa que permita axilizar a retirada dos residuos e materiais arrastrados polas riadas co fin de favorecer a recuperación da normalidade no municipio e avanzar nos labores de limpeza e restauración das zonas afectadas.

O conselleiro de Presidencia, Xustiza e Deportes, Diego Calvo, acompañado pola directora xeral de Calidade Ambiental e Sostibilidade, María José Echevarría, e a directora da Axencia Galega de Infraestruturas, María Deza, participan na xuntanza con representantes das deputacións provinciais de Lugo e de Ourense e dos concellos destas provincias máis afectados polas chuvias do 17 de xuño.

