
O proxecto Ecospherewines Cospherewines, unha iniciativa centrada na innovación sostible no viñedo mediante a implantación de infraestruturas baseadas na natureza, achegábase o 30 de xuño á Denominación de Orixe Valdeorras. A sede do seu consello regulador, en Vilamartín, acollía unha xornada técnica deste programa. Reunía a investigadores, técnicos e profesionais do sector vitvinícola co fin de compartir avances, resultados preliminares e experiencias arredor da sostebilidade, os servizos ecosistémicos e a mellora da xestión do viñedo.
O presidente do CRDO Valdeorras, Marcos Prada Ginzo, abría o foro poñendo en valor “a importancia da cooperación entre investigación e sector vitivinícola para avanzar cara a modelos de produción máis sostibles e resilientes no territorio.
Durante a primeira sesión presentouse a estratexia de infraestrutura verde desenvolvida no marco do proxecto Ecospherewine. A exposición correu a cargo de Anabel Alba González, técnica de proxectos de I+D da Fundación Juana de Vega, quen detallou as liñas de traballo orientadas á integración de solucións naturais no viñedo. Posteriormente, Guillaume Barrier, técnico vitivinícola da IXP Betanzos, compartiu experiencias de implantación destas solucións en viñedos galegos.
Tras unha pausa para o café, a segunda sesión profundou nos resultados do proxecto e na súa aplicación práctica no territorio.
Resultados e experiencia científica no viñedo galego
O investigador Marcos Lado Liñares, da Universidade da Coruña, presentou as actuacións desenvolvidas na parcela experimental “A Picha – Betanzos” e os primeiros resultados obtidos no marco do proxecto. A continuación celebrouse unha mesa de debate moderada por Alfonso Ribas, na que participaron Nuria Freire González (Fundación Juana de Vega), José Manuel Mirás Ávalos (MBG-CSIC), Guillaume Barrier (IXP Betanzos) e o viticultor Luis Peique (DO Valdeorras). O diálogo abordou o papel da infraestrutura verde na intersección entre ciencia, paisaxe e práctica vitícola.
Finalmente, Vanessa Álvarez López, investigadora Ramón y Cajal da Universidade da Coruña, presentou os resultados preliminares sobre o estado funcional dos solos nos viñedos de Valdeorras.
A xornada concluía cun xantar nas instalación da adega Terriña, situada en Petín.

