EconomíaEconomíaÚltima hora

O Barco CCA despide con flores a Rosa Mª Moral, da Perruquería Rosi, pola súa xubilación

 

Tras cincuenta anos na profesión e 38 na perruquería /centro de estética da rúa da Estación, no Barco de Valdeorras, a Rosa Mª Moral Moral chegoulle a hora de xubilarse. E como vén facendo nos últimos tempos con cada socio que se xubila, o CCA o Barco despedíaa cunha pequena homenaxe.

Así no mediodía do martes 30 de xuño, o presidente da asociación, Jacobo Arias sorprendía á perruqueira entrando no establecemento cheo de clientas e entregándolle un fermoso ramo de flores. “Estamos moi agradecidos aos socios que levan toda unha vida no Centro Comercial Aberto sen poñer un problema e sempre conformes coas decisións que se toman mes a mes”, di Jacobo, lamentando que marchen socios con tanta antigüidade, pero “contentos de que poidan desfrutar da súa xubilación”.

Pola súa banda Rosi recoñece que non é que tivera ganas de xubilarse “pero hai que saber parar”, recoñecendo emocionada que tivo “ás mellores clientas” ás que agradece a súa confianza. “Botarei de menos estar na perruquería pero recordareino con moito cariño”, di, comezando así unha nova etapa na súa vida.

 

 

Fotos: Mónica G. Bellver e cedidas.

Back to top button