
O balance da actividade do programa “Fiando (a) memoria” presentábase esta mañá en rolda de prensa no Concello do Barco. Trátase dunha iniciativa de estimulación cognitiva, con oito anos de experiencia na zona, desenvolvido en catro localizacións diferentes (Veigamuíños, Éntoma, O Barco de Valdeorras, Viloira), cos maiores como protagonistas.
Segundo explicou Orlando Saavedra, concelleiro de Servizos Sociais do Barco que estaba acompañado no acto polo alcalde, Aurentino Alonso; nos obradoiros, que se desenvolveron desde setembro ata xuño, participaron un total de 65 persoas, a maioría
mulleres, que realizaron multitude de actividades mentais e emocionais co obxectivo de incrementar o benestar dos participantes, cunha idade media de 73 anos.
Dende Outonía S. Coop., Alba Fariña, tamén asistente á presentación explicaba que “Fiando (a) memoria” é unha actividade que busca a disposición de espazos de encontro para persoas maiores nos que traballar aspectos vinculados á memoria individual e colectiva, e á estimulación cognitiva, a través de técnicas asociadas á codificación, almacenaxe e recuperación da información, de comunicación e expresión artística, oral e escrita, corporal e risoterapia, técnicas participativas, de orientación espacial e temporal, e exercicios de mantemento cognitivo e memoria a curto e longo prazo, ximnasia mental e paseos e percorridos
para a activación da memoria comunitaria.

