
O Concello de Ribas de Sil presenta a súa Programación Cultural de Verán 2026, unha proposta variada e aberta á participación de toda a veciñanza e das persoas que nos visitan durante os meses de xullo, agosto e setembro. O obxectivo é ofrecer actividades de calidade que combinen lecer, cultura e divulgación, facendo do verán un tempo para desfrutar en comunidade.
A programación foi deseñada para todas as idades, con espazos específicos para a infancia, concertos, encontros culturais, feiras tradicionais e conversas que permitirán achegarse tanto á historia do noso territorio como a experiencias persoais de grande interese.
Entre as propostas máis destacadas atópanse as actividades dirixidas á rapazada, que este ano adquiren un significado especial. O Concello quere aproveitar o eclipse total de Sol que terá lugar en agosto de 2026 para espertar a curiosidade científica dos máis pequenos e axudalos a comprender un fenómeno natural excepcional. Para moitos nenos e nenas será, probablemente, a única oportunidade de contemplar un eclipse total ao longo da súa vida, polo que se organizan actividades divulgativas que lles permitirán coñecer como se produce, como observalo con seguridade e por que constitúe un acontecemento único.
A programación tamén continúa apostando polas Conversas de Verán, unha iniciativa que tivo unha excelente acollida na pasada edición e que regresa consolidada como un espazo de reflexión e encontro. Ademais das intervencións sobre a Historia local de Manuel Cao, nesta edición achegarémonos ás historias de vida de persoas vinculadas ao noso territorio e ao Xeoparque Mundial UNESCO Montañas do Courel, exemplos de talento, esforzo e proxección internacional.
Así, contaremos coa presenza de Roberto Vila, natural de Nocedo e profesor nos Emiratos Árabes Unidos, que compartirá a súa experiencia profesional e persoal tras desenvolver o seu traballo durante os últimos meses nun contexto marcado pola guerra, ofrecendo unha visión directa dunha realidade que ocupa diariamente a actualidade internacional.
Tamén participará Concepción Rodríguez Contal, con raíces en Torbeo, quen desempeña un dos cargos de maior responsabilidade na Forza Aérea Francesa. A súa traxectoria constitúe un exemplo de excelencia profesional e permitirá coñecer de primeira man unha carreira internacional de enorme relevancia.
Xunto a estas propostas, haberá espazo para a creatividade cun obradoiro de escritura co autor e docente Xavier Frías, para a música cos concertos do Día de Galicia e outras actuacións ao aire libre, para a tradición coa feira mensual e para actividades divulgativas arredor da natureza, da historia local e da cultura popular.
Desde o Concello de Ribas de Sil queren “convidar a toda a veciñanza e ás persoas que nos visiten este verán a participar nesta programación, pensada para converter a cultura nun punto de encontro interxeracional. Cremos que unha programación cultural debe entreter, pero tamén inspirar, crear comunidade e abrir novas perspectivas. Por iso combinamos actividades que recuperan a nosa historia e identidade con outras máis innovadoras como a robótica, capaces de achegar a ciencia, o coñecemento e as experiencias vitais de persoas extraordinarias ao conxunto da cidadanía”.

