En portadaÚltima hora

Esta é a alvariza de Oulego (Rubiá) que a Raíña Dona Sofía poderá ver este mércores e cuxa restauración contará con financiamento da súa fundación

 

Na mañá do 8 de xullo a localidade de Oulego (Rubiá) recibirá a visita da súa maxestade a Raíña Dona Sofía. Nela poderá coñecer a alvariza tradicional cuxa restauración contará con financiamento da fundación que leva o seu nome. Este proxecto xurdía a través dun convenio de colaboración que se asinaba o pasado xaneiro entre a conselleira de Medio Ambiente e Cambio Climático, Ángeles Vázquez, e o vogal-secretario da Fundación Reina Sofía, José Manuel Nogueira Guastavino.

Nese senso, a conselleira de Medio Ambiente poñía en valor nesa data o apoio da Fundación Reina Sofía cunha achega de 65.000 euros para acometer dúas actuacións no Parque Natural da Serra da Enciña da Lastra e na Reserva de biosfera Ribeira Sacra e Serras do Oribio e Courel de cara á recuperación ecolóxica, social e paisaxística de contornas desas áreas protexidas.

En concreto, no caso do Parque Natural da Serra da Enciña da Lastra, rehabilitarase a mencionada alvariza tradicional e porase en funcionamento coa instalación de colmeas activas co obxectivo de promover a actividade apícola local e favorecer a restauración florística da contorna. Esta actuación, segundo anunciara Medio Ambiente, contará cun orzamento de 50.000 euros e contribuirá tamén á conservación do patrimonio etnográfico e arquitectónico do rural galego.

Nese senso,  cómpre subliñar que as alvarizas representan un elemento patrimonial emblemático e singular de Galicia, sendo especialmente característico na montaña oriental. Son construcións tradicionais de pedra de planta normalmente circular destinadas, en orixe, a protexer as colmeas de abellas fronte aos ataques do oso. Na actualidade son estruturas estratéxicas necesarias para promover a potenciación de poboacións de especies polinizadoras.

Hai que lembrar ademais que en agosto de 2024 a Fundación Reina Sofía, por iniciativa de S.M. a Raíña Dona Sofía, activaba un fondo de emerxencia para contribuír á recuperación medioambiental e social tras os incendios forestais rexistrados en distintas zonas de España.

Fotos: Carlos G. Hervella.

 

Back to top button