O Castrillón (Larouco), un espectacular xacemento fortificado da Idade do Ferro, está a acoller, un verán máis, un campo de voluntariado da Xunta de Galicia e promovido polo Concello de Larouco, coa participación de 11 mozos e mozas (de entre 18 e 30 anos), procedentes de puntos moi diferentes da xeografía española: a comunidade galega, Madrid, Córdoba, Valencia ou Bilbao.
O campo, centrado en actividades de medio ambiente e arqueoloxía, poñíase en marcha o 1 de xullo e finalizará na vindeira fin de semana, en concreto, o 12 de xullo. Ao longo destas xornadas tense ido combinando labores de limpeza do xacemento, con accións medioambientais como limpeza dos camiños, fabricación e colocación de caixas-niño. “Hoxe estivéronas colocando cos rapaces do municipio de Larouco que viñeron ata O Castrillón, e os voluntarios fixéronlles unha visita guiada ao castro. E despois, nestes días, realizamos tamén a limpeza do Lagar das Penelas e unha prospección no Castro Cabanelas”, explica Raúl Fernández, coordinador do campo que está sendo desenvolvido por Solventa Arqueoloxía e Medio Ambiente-Aventeira Cooperativa.

Ademais, o campo de voluntariado incluía visitas a lugares de interese da zona como o Parque Natural da Serra da Enciña da Lastra, Viana do Bolo, As Ermidas (O Bolo), As Médulas (León), Ribeira Sacra… xunto con propostas de lecer e tempo libre.

Dende a organización do campo de voluntariado destacan o interese e predisposición dos voluntarios, “foi un grupo moi bo e ademais os participantes tiñan perfís moi diferentes aos mundos da arqueoloxía e medio ambiente, practicamente ningún deles estaba relacionado con eles”.
Neste verán serán oito os campos de voluntariado que se desenvolvan na provincia de Ourense, entre eles hai, ademais do de Larouco, outros dous en Valdeorras, un no Bolo e outro no Barco.
Fotos cedidas por Solventa Arqueoloxía e Medio Ambiente-Aventeira Cooperativa.

