
Na sesión plenaria celebrada o pasado 25 de xuño o pleno da Corporación local de Viana do Bolo acordaba nomear como cronista oficial deste municipio ao investigador vianés Carlos Xabier Ares Pérez, a proposta de diversas entidades e colectivos vinculados ao ámbito cultural, educativo e asociativo, tanto locais como de fóra do municipio.
O cargo de Cronista Oficial ten carácter honorífico, non remunerado, vitalicio e apolítico, estando orientado á investigación, estudo e divulgación da historia, cultura, tradicións e patrimonio do municipio, segundo se indica no acordo plenario. E, as funcións inherentes ao cargo consisten na elaboración de estudos, publicacións e traballos de investigación relacionados co Concello de Viana do Bolo, compromiso que é asumido expresamente pola persoa proposta.
Carlos Xabier Ares Pérez conta cunha ampla traxectoria académica, investigadora e divulgativa, centrada especialmente na etnografía, patrimonio inmaterial e tradicións populares galegas, con especial referencia ao Entroido e á cultura de Viana do Bolo.
