CulturaCulturaÚltima hora

A exposición de rúa “Comedy Wildlife” estará no Carballiño do 23 de xullo ao 16 de agosto

ABANCA, Afundación e o Concello asinan un convenio de colaboración no marco do proxecto Corrente Cultural

 

O Concello do Carballiño, ABANCA e Afundación asinaban onte un convenio de colaboración para levar á vila a exposición de rúa Comedy Wildlife. O acto de sinatura contou coa asistencia do alcalde, José Rafael Castro-Gil Seijas; o coordinador institucional de ABANCA en Ourense, Mateo Alonso Sanromán; e a coordinadora institucional de Afundación en Ourense e Lugo, Beatriz Fernández-Anguiano. A mostra poderase visitar na praza Emilia Pardo Bazán (praza dás Galiñas) do 23 de xullo ao 16 de agosto.

Esta colaboración é parte do proxecto Corrente Cultural que considera a arte como un instrumento imprescindible para fomentar o coñecemento e o desenvolvemento colectivo. Grazas a este proxecto, Afundación, a Obra Social de ABANCA, impulsa a capilaridade da cultura en Galicia, ampliando a oferta artística alén das súas sedes e trasladándoa ás vilas galegas para desenvolver tamén nelas as actividades da entidade.

 

 

As 16 imaxes que articulan Comedy Wildlife resultaron distinguidas entre 2015 e 2024 como “as mellores instantáneas de animais feitas en clave de diversión e humor polo galardón The Comedy Wildlife Photography Awards“. Agora, tras abarrotar nos últimos anos museos e centros de exposicións dos Países Baixos, Inglaterra, Portugal ou Canadá, e despois do seu exitoso paso polos centros de Afundación en Galicia, chega na súa versión de rúa. Sobre a base do seu compromiso coa implicación social e o coidado do medio ambiente, a Obra Social de ABANCA presenta esta nova proposta expositiva no marco “dunha programación variada, dinámica e innovadora para todos os públicos e de amplo alcance xeográfico”.

Nos últimos tempos, “a fraxilidade dos nosos ecosistemas e das súas especies esperta unha crecente preocupación medioambiental que xerou multitude de reaccións, e tamén unha ineludible onda de mensaxes derrotistas”, din dende Afundación, asegurando que a miúdo “estes resultan contraproducentes, ao provocar unha clara reacción de rexeitamento ou mesmo evasiva que busca minimizar esa angustia -ecoansiedade- que produce enfrontarse a un asunto de tales dimensións”. Comedy Wildlife é unha exposición que “cautiva a toda a familia ao utilizar o humor e a sorpresa como unha forma efectiva de involucrar ao público e facer unha chamada de atención mediante a empatía que sentimos con estas imaxes”. Así, as instantáneas seleccionadas que se presentan mostran, nas posicións e momentos máis divertidos, a animais como tartarugas, mapaches ou pingüíns.

 

 

Asegura o cofundador dos premios The Comedy Wildlife, o fotógrafo especializado na natureza Paul Joynson-Hicks, que “as cuestións de conservación e sustentabilidade da vida silvestre están a gañar impulso a nivel mundial, pero as mensaxes e as imaxes tenden a ser negativos, deprimentes e enervantes”. E que por iso se animou, xunto aos fotógrafos de natureza Tom Sullam e Michelle Wood, a crear estes galardóns. Desde 2015, premian as imaxes máis divertidas de animais tomadas nun mundo “extraordinariamente belo e interconectado”.

Back to top button