Valdeorras vén de converterse novamente nun punto de encontro europeo grazas á celebración de RuralMakers 3.0, un proxecto internacional do programa Erasmus+ organizado unha vez máis pola asociación xuvenil Valdeorras Vive. Este evento reunía na comarca a persoas emprendedoras, traballadores xuvenís e representantes de entidades de Alemaña, Chequia, Grecia, Hungría, Macedonia do Norte, Holanda e España.
Ao longo de sete días, os participantes percorreron distintos puntos de Valdeorras e O Bierzo co obxectivo de coñecer experiencias reais de emprendemento e iniciativas que están a contribuír á dinamización social, económica e ambiental do medio rural. O programa combinou sesións de formación, intercambio de boas prácticas e visitas sobre o terreo, favorecendo o contacto directo coas persoas impulsoras dos proxectos.
Un dos momentos centrais da semana foi a visita ao Polo de Emprendemento e Apoio ao Emprego do Barco de Valdeorras, onde os asistentes coñeceron o funcionamento da rede galega de Polos de Emprendemento, os servizos de asesoramento e acompañamento ás persoas emprendedoras e diferentes experiencias empresariais desenvolvidas na comarca. A sesión permitiu tamén presentar a realidade socioeconómica de Valdeorras e abrir un espazo de diálogo sobre os retos e oportunidades do emprendemento no medio rural europeo.
A programación continuaba na Serra da Enciña da Lastra (Rubiá), onde a delegación visitou O Marquesado, un proxecto que combina apicultura sostible, apiturismo e valorización do patrimonio natural. Da man dos seus promotores, os participantes coñeceron unha experiencia de emprendemento ligada á conservación da biodiversidade e ao aproveitamento responsable dos recursos do territorio. A visita coincidía ademais coa presentación da recuperación dunha alvariza de Oulego.
Durante a súa estancia, o grupo tivo tamén a oportunidade de descubrir outras iniciativas empresariais, culturais e sociais de Valdeorras e O Bierzo, visitando proxectos vinculados ao turismo sostible, ao patrimonio, á innovación, á economía local e á valorización dos recursos endóxenos. Máis alá das visitas, RuralMakers 3.0 convertíase nun espazo de convivencia e intercambio no que se compartían metodoloxías de traballo, experiencias e novas ideas para afrontar retos comúns como o despoboamento, o emprendemento xuvenil ou a creación de oportunidades no rural.
Desde Valdeorras Vive destacan a excelente acollida recibida por parte das entidades colaboradoras e subliñan que iniciativas como esta “contribúen a internacionalizar o territorio, crear novas redes de cooperación europea e dar visibilidade ao potencial de Valdeorras e O Bierzo como espazos de innovación, emprendemento e desenvolvemento sostible”.
RuralMakers 3.0 está cofinanciado polo programa Erasmus+ da Unión Europea e ten como finalidade fortalecer a cooperación entre organizacións europeas que traballan coa mocidade e co desenvolvemento rural, promovendo novas alianzas e proxectos con impacto nos seus respectivos territorios.
Fotos: Valdeorras Vive.

