
O Auditorio de Lugo acollía na tarde do 15 de xullo o acto de entrega dos premios nas Catas de Galicia 2026, o certame organizado por Agacal- Xunta de Galicia para recoñecer a calidade dos viños, augardentes e licores da comunidade.
Na categoría correspondente á D.O. Valdeorras, o Acio de Ouro Branco foi para Joaquín Rebolledo, elaborado pola adega Joaquín Rebolledo S.A., mentres que o Acio de Ouro Tinto recaeu en Menciño Summum, de Bodega Cooperativa Jesús Nazareno-Vinos Barco.

O resto do palmarés da denominación complétano A Coroa, de Adega A Coroa SAT, co Acio de Prata Branco; Verdes Castros, de Vinigalicia S.L., co Acio de Bronce Branco; Quinta da Peza, de Quinta da Peza S.L., co Acio de Prata Tinto; e Costeira, de Viña Costeira S.C.G., distinguido co Acio de Bronce Tinto.
A estes recoñecementos súmase ademais o obtido por Outarelo 2022, de Bodegas Blare S.L., que foi distinguido co Acio de Prata Tinto na categoría de Viños de Colleitas Anteriores, un galardón no que compiten viños de todas as denominacións de orixe galegas.

