A súa actuación estaba prevista para o pasado venres pero a previsión de chuvia obrigaba a aplazala, sendo finalmente na noutiña do mércores 29 de xullo cando Quico Cadaval e Celso Sanmartín facían a súa “insólita lectura da bora de Castelao, Un ollo de vidro“.
Como dúo que eran e, trala presentación por parte da concelleira de Cultura do Barco, Margarida Pizcueta, Quico e Celso poñían en escena na praia fluvial do Malecón o seu espectáculo Dous ollos de vidro, contando, con continuas digresións, comentarios e notas de rodapé o que Castelao quixo manter segredo, descubrindo as enrugas da historia e estirándoas para que o público presente descubrirá o que hai alá, no alén.
Dous puntos de vista diferente, os de Cadaval e Sanmartín, que como aparellos ópticos, mostraron un alén diferente do da obra do literato rianxeiro meténdose polo ollo dunha agulla para non dar puntada sen fío. Inmigrantes, próteses, apostas de tabernas, romarías, vendedores de bíblias, médicos do seguro, recobeiras, e outras palabras que non se entenden, formaron parte deste espectáculo enmarcado no ciclo De Perto 2026 que está tocando ao seu fin.
A última actuación, a de Carmela, será mañá ás 22:30 horas no mesmo espazo da praia fluvial do Malecón do Barco.

Fotos e vídeo cedidos.