DeportesÚltima hora

A nova pista de pádel de Viana será inaugurada no torneo que se celebrará do 10 ao 12 de agosto

 

Aproveitando unha das antigas pistas de tenis, que levaba anos infrautilizada o Concello de Viana do Bolo vén de instalar unha nova pista de pádel profesional, que será inaugurada durante o torneo que se celebrará os días 10, 11 e 12 de agosto, dando resposta ao gran auxe e ao crecente número de afeccionados e afeccionadas ao pádel no municipio.

Tal como explican, esta nova infraestrutura súmase á pista xa existente, que “ademais contará cunha cuberta a finais de setembro ou principios de outubro, permitindo que a práctica deste deporte poida realizarse durante todo o ano, independentemente das condicións meteorolóxicas.

Ademais nas próximas semanas tamén está prevista a instalación dunha nova pista multideporte, equipada con canastas de baloncesto; mesas de pimpón; xadrez e parchís. “Un novo espazo pensado para fomentar o deporte, o lecer saudable e a convivencia entre veciños e veciñas de todas as idades”.

 

 

Mellora da contorna das piscinas municipais

Por outra banda, dende o Concello de Viana do Bolo informan das actuaciónsque se levaron a cabo nas últimas semanas na contorna da Piscina Municipal, co obxectivo de “mellorar a accesibilidade, a seguridade e a imaxe dun dos espazos máis frecuentados durante a época estival”.

Entre os traballos realizados destaca a mellora do camiño que bordea o recinto da piscina, procedendo ao seu ancheamento e ao acondicionamento do firme para facilitar o tránsito de vehículos e peóns. Ademais, “instalouse un valado de madeira, que incrementa a seguridade ao tempo que contribúe a integrar e embellecer a contorna”, engade o alcalde de Viana, Germán García-Ávila.

El mesmo indica que tamén actuaron no acceso ao encoro desde o Club Náutico, mellorando a baixada para facilitar a entrada e saída de embarcacións, kaiaks e outros medios náuticos, favorecendo a práctica das actividades deportivas e de lecer vinculadas ao noso encoro.

“Estas actuacións forman parte do compromiso do Concello por seguir investindo na conservación e mellora dos espazos públicos, facendo de Viana do Bolo un lugar máis accesible, seguro e atractivo para a veciñanza e para todas as persoas que nos visitan”, conclúe García-Ávila.

 

 

Fotos: Concello de Viana do Bolo.

Back to top button