ConcellosÚltima horaViana do Bolo

Reunión do alcalde de Viana coa veciñanza da Bouza e técnicos da CHMS para evitar futuros danos por riadas

Foto: Concello de Viana do Bolo.

 

O alcalde do Concello de Viana do Bolo, Germán García-Ávila, mantiña onte unha reunión cos enxeñeiros da Confederación Hidrográfica Miño-Sil (CHMS) e coa veciñanza da aldea da A Bouza de cara a avaliar as actuacións necesarias para evitar que se repitan os graves danos ocasionados polos arrastres das tormentas do pasado mes de xuño.

“Durante o encontro analizouse a situación sobre o terreo e acordouse, en consenso coa veciñanza, impulsar unha solución que pasa polo encauzamento do regueiro que provocou a inundación, permitindo unha correcta evacuación das augas e reducindo o risco de novos episodios similares”, segundo a información do Concello de Viana do Bolo.

Ademais, está prevista a “reparación, reposición e recuperación das infraestruturas e dos espazos públicos que resultaron afectados pola riada, unhas actuacións que suporán un importante investimento para mellorar a seguridade, recuperar os servizos e devolver a normalidade á aldea”, prosegue o Concello.

Dende esta administración local tamén se asegura que “seguimos traballando en coordinación coas distintas administracións e, sobre todo, da man da veciñanza, para dar resposta ás súas demandas e contribuír a paliar as consecuencias dunha riada que marcou profundamente ás familias da aldea durante estas últimas semanas”.

Back to top button