ConcellosO BarcoÚltima hora

Indicacións de mobilidade no Barco para a observación da eclipse de sol do 12 de agosto

 

Con motivo da eclipse total de sol do vindeiro 12 de agosto, a Concellería de Turismo do Barco porá en marcha a última parte das actividades de balde, baixo o título “Ollo á eclipse”, o vindeiro mércores día 12 de agosto.
Ás 12:30 horas, terá lugar a conferencia “O Barco e a súa importancia na eclipse de 1912”, impartida polo destacado físico e investigador Salvador Bará, da Universidade de Santiago de Compostela, coñecido internacionalmente polos seus estudos sobre contaminación luminosa. A actividade levarase a cabo no Paseo do Malecón (zona Correos).

Co doutor Salvador Bará, realizarase a visualización da eclipse dende o de Alixo, chegadas ás 19:00 e ata ás 22:00 horas. No transcurso da visualización, os participantes disporán de comida e bebida das Foodtrucks desprazadas ata a zona, e da actuación do DJ Repunante.

Indicacións de mobilidade

Vehículos privados
Permitirase o seu acceso á Alixo ata ás 19:00 horas. Os vehículos descargarán aos pasaxeiros no punto habilitado na Praza de Alixo, e deberán continuar o percorrido en dirección ao camiño que une as localidades de Alixo e Vilariño, onde poderán estacionar, sempre seguindo as indicacións da Policía Local e dos membros de Protección Civil. O estacionamento dos vehículos privados levarase a cabo ao longo do camiño que une Alixo con Vilariño (as dúas vías son estradas estreitas, de montaña). O regreso ao Barco farase obrigatoriamente pola estrada Vilariño – Castro – Viloira.

 

 

Servizo de buses
O Concello do Barco disporá de microbuses lanzadeira con saída da parada da Avenida do Sil en Viloira desde ás 17:00 horas, ata ás 19:45h, cada 15 minutos. Os buses farán parada na Praza de Alixo para a descarga de pasaxeiros. Os buses comezarán a baixar pasaxeiros, por orde de cola, ás 21:15 horas.
Para facer uso do servizo de bus, é imprescindible e obrigatoria a inscrición na oficina de turismo do Concello, o luns 10 e martes 11, en horario de 9:00 a 14:00 horas. Cada interesado poderá inscribir a un total de catro persoas, contando coa súa propia inscrición.

No caso no que un pasaxeiro perda o bus no que se inscribiu previamente, poderá optar a unha praza nalgún dos seguintes buses, sempre e cando algún deles teña praza dispoñible porque outro usuario con reserva non se presentou.

Miradoiro de Alixo
Os pasaxeiros terán que camiñar uns 800 metros desde a Praza de Alixo ata o miradoiro. Non se permitirá o acceso ao miradoiro con ningún tipo de vehículo particular.

Recomendacións

O Concello do Barco apela á responsabilidade da veciñanza e ao respecto polo medio natural no que se atopa.
No evento, os participantes poderán dispoñer de comida e bebida, ou levala da casa, lembrando sempre respectar a contorna, e recoller o lixo, para que todo quede como se atopou. Tamén disporase de baños públicos, en caso de necesidade.

É recomendable acudir ao evento cunha manta ou coxín para sentarse, e unha lanterna.

Debido ao risco de incendio, está prohibido fumar durante todo o evento.

A eclipse que O Barco terá o privilexio de ver, será unha boa oportunidade para afondar no coñecemento do fenómeno cun mestre de cerimonia de excepción, nun inmellorable contexto paisaxístico e precedido de actividades lúdicas coas que a concellería de Turismo persegue o goce do avistamento por parte de todos os públicos que desexen participar.
A

demais do miradoiro de Alixo, O Barco conta con outras localizacións perfectamente válidas para a observación do fenómeno. Como exemplo, As Escolas de Vilanova, a área da Urbanización A Cerámica, diferentes puntos do Paseo do Malecón do Barco, ou o novo miradoiro da Pincheira, en Fervenza.

5.000 exemplares de lentes homologados

Desde o pasado luns día 3 e ata o venres día 7 de agosto, o Concello do Barco repartiu á veciñanza un total de 5.000 exemplares de lentes homologados para a correcta visualización da eclipse.

Back to top button