En portadaÚltima hora

O director de Turismo de Galicia recibe na Rúa aos participantes na primeira viaxe da Ruta do Viño Ribeira Sacra-Valdeorras nesta tempada

 

O director de Turismo de Galicia, Xosé Merelles, recibía no mediodía deste 8 de agosto aos participantes da Ruta do Viño Ribeira Sacra e Valdeorras como parte dos Trens Turísticos de Galicia (impulsados pola Xunta, Renfe e o Inorde) na estación de tren da Rúa-Petín. Posteriormente visitaban a adega A Coroa, unha das paradas máis destacadas desta experiencia que combina enoturismo e patrimonio en Ourense.

“Este tren turístico que leva vindo á Rúa, a Valdeorras, dende a Estación da Rúa-Petín dende a primeira edición, é o segundo tren máis demandado despois do dos Faros, que vai dende Ferrol ata Viveiro”, sinalaba o director de Turismo de Galicia.

Ademais expresaba o seu desexo de que os viaxeiros que cheguen con este tren ata Valdeorras poidan “esfrutar da nosa gastronomía, porque se quedan comer aquí, van poder achegarse ata unha adega e tamén van visitar o Santuario das Ermidas”. Merelles apuntaba así mesmo que “probablemente moita xente sexa a primeira vez que se achega a Valdeorras e esperemos que con esta viaxe do tren lle queden ganas de voltar e todo isto nunha fin de semana de agosto onde a oferta complementaria é que marca un pouco a diferenza para poder atraer visitantes”.

 

 

Deste xeito, Merelles lembraba a celebración de “Sons da Estación” a partir das 22h. na mesma vila da Rúa e, ás 18:30h., a iniciativa Vitis Lumen, unha nova ruta vinculada á cultura do viño en Larouco.

A visita deste primeiro tren permitía poñer en valor o programa dos Trens Turísticos como unha iniciativa que contribúe á economía local e á promoción dos recursos do territorio galego. Este ano, o produto ofrece 13 rutas con 33 saídas que continuarán durante todo este mes de agosto ata o mes de outubro, consolidándose como unha das iniciativas de referencia para descubrir Galicia dun xeito sostible e diferente. Concretamente, a Ruta do Viño Ribeira Sacra e Valdeorras volverá ter unha segunda saída o vindeiro 19 de setembro.

 

 

Back to top button