CulturaCulturaÚltima horaVídeos

A Rúa lembra o devastador incendio de agosto do 2025 cunha mostra fotográfica no Centro Cultural Avenida

"Lume" poderá verse ata o vindeiro 17 de agosto en horario de 12:00h a 14:00h e de 18:00 a 20:30h

 

A punto de cumprirse un ano do tráxico incendio que devastaba boa parte da comarca de Valdeorras e que esstendía tamén por zonas próximas como Quiroga, o Concello da Rúa lembra este devastador acontecemento cunha exposición de fotografía que se inauguraba no mediodía deste 10 de agosto no Centro Cultural Avenida.

“O que aquí vivimos hai un ano foi terrible, tremendo, un trauma colectivo, unha cousa que da que aínda non nos recuperamos, pero hoxe creo que podemos deixar claro que o grave do incendio non aconteceu neses días 15 e 16 de agosto, que foi cando atacou directamente á Rúa, senón que as consecuencias dese lume estámolas a vivir a diario nas nosas captacións de auga, nas riadas que estamos a padecer, nestes montes que temos un ano despois absolutamente desprovistos de vexetación, co que iso ten de impacto na nosa climatoloxía. Somos un concello de moitísima calor no verán, pero este ano estase a notar, e ademais dunha forma palpable, eses 2 ou 3 graos máis que supón o feito de non ter ningún tipo de cobertura vexetal e son consecuencias que van alongar aínda no tempo”, dicía a alcaldesa da Rúa, María Albert, no acto inaugural da exposición “Lume” de Brais Lorenzo, no que estaba acompañada pola eurodeputada o BNG, Ana Miranda, e pola parlamentaria galega desta mesma formación política, Monsterrat Válcarcel.

 

 

A rexedora tamén anunciaba que a mostra estará aberta no Centro Cultural Avenida, inicialmente, desde este mesmo luns (en horario de 12:00h a 14:00h e de 18:00 a 20:30h) ata 17 de agosto. Se ben podería ampliarse a súa duración. Albert tamén agradecía a notable asistencia de público ao acto inaugural.

 

 

 

Deseguido, tomaba a palabra Ana Miranda, quen explicaba que a exposición (patrocinada polo grupo parlamentario europeo do que forma parte) era inaugurada no Parlamento Europeo o pasado 30 de xuño e que hoxe chega á Rúa como primeira parada en Galicia como unha homenaxe ás vítimas e a toda a
veciñanza que loitou sen medios pola defensa do territorio e da súa vida. “Esta mostra abriu unha expectación e permitiu a visibilización dun problema que moitas veces aquí está, dende logo, oculto”.

 

 

Para Miranda, esta mostra reflexa “o que foi un ano tráxico, pero despois del non se tomaron medidas, non se restauraron os solos, non se fixeron actuacións de prevención e agora estamos vendo que xa non é só un problema galego, senón europeo, que vai ser un problema persistente e crónico e debemos combatelo e buscar medidas, sobre todo, de restauración. E hai unha proba moi clara do que foi a supervivencia, como a xente tiña que defenderse do lume sen medios”.

 

 

 

Pola súa banda, o autor das imaxes, Brais Lorenzo, comentaba que, “como estamos vendo no Estado español e a nivel europeo, a problemática dos incendios forestais irá a máis, que non ten moita solución aparente e tamén vexo unha evolución clara en canto a perigosidade, antes era un problema medioambiental e agora é unha emerxencia civil”. Despois realizaba unha visita guiada pola mostra, na que tamén había intervención do público asistente, entre o que había persoas directamente polo incendio do pasado verán.

Fotos: A.R.

Vídeos: O SIL.

 

Back to top button