
A Área Sanitaria de Ourense, Verín e O Barco de Valdeorras establecerá este mércores, 12 de agosto, un operativo sanitario especial con motivo da eclipse solar total, ante a previsión dun importante incremento dos desprazamentos e da concentración de persoas en distintos puntos da provincia para observar este fenómeno astronómico.
O dispositivo terá unha especial incidencia na zona nororiental da provincia de Ourense, principalmente nos concellos do Barco de Valdeorras, A Rúa, Rubiá, Vilamartín de Valdeorras, Carballeda de Valdeorras, A Veiga, Larouco e Viana do Bolo, durante o período comprendido entre o inicio da fase da eclipse, arredor das 19.30 horas, e a súa finalización, ás 21.30 horas.
O operativo sanitario enmárcase na situación de Nivel 2 do PLATERGA (Plan Territorial de Emerxencias de Galicia) e contempla a coordinación dos dispositivos asistenciais da Área Sanitaria cos servizos de Urxencias hospitalarias, 061, 112, ambulancias e Protección Civil.
Reforzo da Atención Primaria
No ámbito da Atención Primaria, ás 15.00 horas do mércores 12 de agosto comprobarase a presenza dos efectivos médicos, de enfermería e persoal administrativo nos correspondentes Puntos de Atención Continuada (PAC).
Debido á especial afluencia prevista na comarca de Valdeorras, garantirase de maneira preferente no PAC do Barco de Valdeorras a presenza de dous profesionais médicos, dous profesionais de enfermería e un administrativo. Esta quenda iniciarase ás 15.00 horas do mércores e prolongarase ata as 8.00 horas do xoves 13 de agosto.
Ademais, o resto dos PAC da Área Sanitaria permanecerán en situación de alerta ante as posibles incidencias derivadas do incremento dos desprazamentos e da concentración de persoas.
Entre as eventualidades para as que se manterá unha especial vixilancia atópanse os accidentes de circulación, traumatismos e caídas, lesións oculares compatibles cunha posible retinopatía solar, problemas dermatolóxicos relacionados coa exposición ao sol ou picaduras de insectos, entre outras.

“Plena dispoñibilidade das Urxencias hospitalarias”
O operativo abrangue igualmente os tres hospitais da Área Sanitaria, onde se alertará ao persoal de garda de presenza física e aos profesionais dos Servizos de Urxencias Hospitalarias sobre a activación do Nivel 2 do PLATERGA e a necesidade de manter a plena dispoñibilidade dos recursos asistenciais de urxencias, segundo informa a área sanitaria ourensá.
Tamén se advertirá ao persoal médico de garda localizada para que manteña unha especial atención á súa localización e poida acceder de maneira inmediata ao seu centro hospitalario no caso de ser requirido.
Do mesmo xeito, o transporte sanitario interhospitalario propio permanecerá en alerta, garantindo a dispoñibilidade inmediata tanto das ambulancias medicalizadas como das unidades de soporte vital básico que puidesen ser necesarias para realizar traslados entre centros.
Prevención e coordinación ante unha xornada excepcional
A finalidade deste dispositivo é anticiparse ás posibles necesidades asistenciais que poidan producirse durante unha xornada excepcional, na que se prevé unha importante mobilidade de persoas cara ás zonas da provincia cunhas mellores condicións para observar a eclipse.
A Área Sanitaria insiste, ademais, na importancia da prevención durante a observación do fenómeno e, especialmente, de evitar en todo momento a observación directa do Sol sen sistemas de protección ocular especificamente homologados para este fin, co obxectivo de previr lesións oculares potencialmente graves.
A coordinación entre Atención Primaria, os servizos hospitalarios, o transporte sanitario e os diferentes dispositivos de emerxencias permitirá manter unha resposta áxil ante calquera incidencia sanitaria que poida producirse durante a tarde e noite do mércores.

