SanidadeÚltima hora

Oftalmoloxía do Hospital de Valdeorras recomenda extremar a protección ocultar na eclipse solar especialmente entre os nenos

Os oftalmólogos advirten que mirar directamente ao sol, mesmo durante períodos moi curtos de tempo, pode ocasionar lesións graves e incluso irreversibles na retina

 

A Área Sanitaria de Ourense, Verín e O Barco de Valdeorras lembra á cidadanía a importancia de adoptar medidas de protección ocular adecuadas durante a observación do eclipse solar, xa que mirar directamente ao Sol, mesmo durante períodos moi curtos de tempo, pode ocasionar lesións graves e incluso irreversibles na retina.

A oftalmóloga do Hospital Público de Valdeorras, Carlota Pazó Jaudenes, advirte de que durante un eclipse existe unha falsa sensación de seguridade provocada pola diminución da luminosidade ambiental. “Aínda que vexamos menos luz, a radiación solar segue chegando aos nosos ollos e pode producir dano na retina sen que a persoa note dor nese momento”, explica.

Un dos principais riscos é a denominada retinopatía solar, unha lesión que afecta especialmente á mácula, a zona central da retina responsable da visión de maior precisión. Este dano pode provocar visión borrosa, aparición dunha mancha escura ou punto cego no centro do campo visual, deformación das imaxes, dificultade para ler ou recoñecer caras e alteracións na percepción das cores.

Nalgúns casos, estas lesións poden ser permanentes e non existe un tratamento específico que permita recuperar completamente a visión perdida, polo que a prevención resulta fundamental.

Especial atención aos nenos

Desde Oftalmoloxía faise especial fincapé na protección da poboación infantil, xa que os nenos poden non ser plenamente conscientes dos riscos asociados á observación directa do Sol.

Carlota Pazó recomenda que os nenos estean sempre supervisados por unha persoa adulta durante a observación do eclipse e que esta comprobe previamente que as lentes de protección solar estean correctamente colocadas e perfectamente axustadas.

“É moi importante que as gafas cubran ben os ollos e que o neno non poida mirar ao Sol por riba, por debaixo ou polos laterais. A supervisión dun adulto é fundamental para garantir que se utilizan correctamente durante todo o tempo necesario”, sinala a oftalmóloga.

Tamén se recomenda revisar as lentes antes do seu uso e non utilizalas se presentan raiaduras, perforacións, roturas ou calquera deterioración do filtro.

Só lentes homologadas para observación solar

Para mirar directamente ao eclipse deben empregarse exclusivamente lentes específicas para observación solar que cumpran a norma internacional ISO 12312-2.

As lentes de sol convencionais, independentemente do seu grao de escurecemento ou calidade, non protexen fronte á intensidade da radiación solar necesaria para realizar unha observación directa segura. Tampouco deben utilizarse métodos caseiros como radiografías, cristais afumados, negativos fotográficos, CDs ou outros materiais improvisados, xa que non ofrecen unha protección suficiente.

Recoméndase seguir en todo momento as indicacións de uso do fabricante e comprobar que as lentes están en perfecto estado antes de utilizalas.

A utilización de cámaras fotográficas, teléfonos móbiles, prismáticos ou telescopios require especial precaución. Estes dispositivos poden concentrar a radiación solar e aumentar considerablemente o risco de lesión ocular.

Por este motivo, nunca se debe mirar ao Sol a través de prismáticos, telescopios ou outros dispositivos ópticos empregando unicamente unhas lentes de eclipse. Estes aparellos deben contar cos seus propios filtros solares adecuados colocados na parte frontal da óptica.

Que facer se aparecen síntomas

Os danos provocados pola exposición solar directa poden non manifestarse inmediatamente. Nas horas posteriores poden aparecer visión borrosa, unha mancha central no campo visual, distorsión das imaxes, alteración da percepción das cores ou diminución da agudeza visual.

Ante calquera destes síntomas despois da observación do eclipse recoméndase solicitar unha valoración oftalmolóxica.

As gafas só se poden retirar durante a totalidade completa

No caso dun eclipse total, existe un único momento no que é posible observar o fenómeno directamente sen as lentes homologadas: cando a Lúa cobre completamente, ao 100 %, o disco solar. É durante eses breves instantes de totalidade cando se pode apreciar directamente a coroa solar.

A regra de seguridade debe cumprirse de maneira estrita: antes de que comece a totalidade, as gafas deben permanecer postas; durante a totalidade completa poden retirarse momentaneamente; e en canto comece a reaparecer o primeiro punto brillante do Sol deben colocarse de novo inmediatamente.

É fundamental ter a certeza absoluta de que se alcanzou a totalidade antes de retirar a protección. Por este motivo, no caso dos nenos esta acción debe realizarse sempre baixo a supervisión directa dunha persoa adulta, tanto para retirar as gafas no momento correcto como para volvelas colocar antes de que finalice a totalidade.

“Se desde o lugar no que se observa o fenómeno o eclipse é parcial, as gafas deben manterse postas durante todo o tempo. Isto é aplicable mesmo cando a ocultación do Sol alcance o 99,9 %: unha mínima porción da fotosfera solar continúa sendo suficientemente intensa como para provocar unha lesión na retina”, segundo indica a área sanitaria ourensá

Por tanto, a recomendación sanitaria é especialmente prudente: non retirar nunca as gafas ata ter a certeza absoluta de que comezou a totalidade e volver colocalas antes de que esta remate.

A Área Sanitaria de Ourense, Verín e O Barco de Valdeorras lembra que a eclipse “pode gozarse con seguridade sempre que se empreguen sistemas de protección homologados e se respecten rigorosamente estas recomendacións. No caso dos nenos, a mensaxe é especialmente clara: lentes homologadas, correctamente axustadas e supervisión permanente dunha persoa adulta”.

Back to top button