
Celanova e O Barco serán os escenarios onde esta noite brillarán as tradicións e as músicas dos seis países participantes nesta nova edición das Xornadas de Folclore, unha vez remate o eclipse de sol. A vistosidade dos traxes, as danzas e os ritmos que o público goza en cada actuación son o resultado de anos de intenso traballo de investigación e recuperación do diverso folclore tradicional de cada país, levado a cabo polos grupos participantes ao longo da súa traxectoria.
Nesta XLI edición, a agrupación máis antiga é a mexicana Compañía Nacional de Danza Folklórica de Nieves Paniagua, con 31 membros, que xa participou en varias ocasións nesta Xornadas, a primeira vez no ano 1997, gozando sempre do favor do público.
Creada en 1975 en Ciudad de México, baixo o nome de Folklórico de la Dirección General de Educación Tecnológica Industrial, pasou en 1984 a denominarse Compañía Nacional de Danza Folklórica por designación do Instituto Nacional de Belas Artes e Literatura.
Dende a súa fundación este prestixioso grupo, creado por Roberto Vallejo e Nieves Paniagua, falecida o ano pasado, é un piar fundamental na preservación e difusión do folclore mexicano. O obxectivo sempre foi romper estereotipos e dar visibilidade aos pobos orixinarios.
Esta compañía, recoñecida internacionalmente, contou ao longo dos anos cun equipo de recompiladores e investigadores que co seu traballo lograron salvagardar o patrimonio cultural mexicano a través das presentacións de bailes e músicas das diversas rexións do país.
Mañá, 13 de agosto: Allariz e Maceda
Ecuador, Serbia e Taiwán actuarán no Campo da Barreira, capela San Bieito, en Allariz. O Festival comezará ás 22,30 horas.
Armenia, México e Senegal viaxarán ata Maceda para presentar o Festival na Rúa do Toural, en Maceda. Ás 22, 30 horas. Tódalas actuacións son gratuítas.