OurenseÚltima hora

Os integrantes das agrupacións das Xornadas de Folcore intercambian coñecementos en obradoiros onde se fortalece a convivencia

A noite comezaba o 15 de agosto ás 20, 30 horas coas actuacións dos grupos de Armenia, México e Senegal na Alameda de Entrimo e continúa ás 22, 30 horas na Praza do Prado, do Castro Caldelas, con Ecuador, Serbia e Taiwán

 

O folclore do mundo conquistaba a pasada noite ao público de Entrimo e Castro Caldelas. Os 77 compoñentes, entre músicos e danzantes, que forman as agrupacións artísticas de Armenia, México e Senegal amosarán na Alameda de Entrimo un amplo abano dos distintos folclores que forman parte da ampla cultura de cada un dos países.

Ata a Praza de Prado do Castro Caldelas viaxaba un grupo máis numeroso, o formado polos 92 artistas procedentes de Ecuador, Serbia e Taiwán, que ofrecerán aos asistentes ao Festival a oportunidade única de gozar das tradicións ancestrais asentadas en tres continentes diferentes.

Polas tardes, antes de iniciar a viaxe ás localidades anfitrioas, os participantes nesta XLI edición participaban nunha actividade moi especial: obradoiros de baile para intercambiar coñecementos das súas danzas e músicas e que serven, ademais, para fortalecer a convivencia.

México foi o primeiro en asumir a tarefa de ser mestre dos seus compañeiros, seguido de Serbia. A quenda de onte era para os membros de Senegal e despois será o grupo de Taiwán o responsable de impartir o obradoiro.

Esta iniciativa arrancou o ano pasado como actividade alternativa para os compoñentes dos grupos participantes ante a suspensión dos festivais en diversas localidades, por mor da traxedia dos incendios que asolaron a provincia. Dado o éxito acadado, a organización das Xornadas decidiu repetir os obradoiros este ano logrando de novo unha resposta moi positiva entre os participantes que destacan a posibilidade de coñecer mellor o traballo dos outros grupos e tamén poder ensinar parte do seu.

As Xornadas  están organizadas pola Deputación de Ourense, a través do Centro de Cultura Popular Xaquín Lorenzo, e conta coa colaboración da Consellería de Cultura, Lingua e Xuventude da Xunta e dos diferentes concellos que acollen o evento.

 

 

16 de agosto:  Xinzo de Limia e Carballiño

O Parque do Toural de Xinzo de Limia acollerá hoxe ás 20,00 horas, o  desfile que levará aos grupos folclóricos de Armenia, México e Senegal ata a Praza Carlos Casares para iniciar as actuacións ás 20,30 horas.

Ecuador, Serbia e Taiwán estrean escenario este ano en Carballiño, no Auditorio da Praza da Veracruz, ás 22, 30 horas. Tódalas actuacións son gratuítas.

Back to top button