En portadaÚltima hora

Viana do Bolo e Trives, escenarios das últimas actuacións por separado das 6 agrupacións das Xornadas de Folclore

As próximas citas en Ourense e Ribadavia recibirán a totalidade dos participantes nesta edición do evento

 

A XLI Xornadas de Folclore, promovidas pola Deputación de Ourense, chegan esta semana ao seu fin. O 17 de agosto era a última vez na que as seis agrupacións folclóricas participantes actúaban divididas en dous grupos diferentes. Era na Praza Praza Maior de Viana do Bolo e no Patio de Santa Leonor, en Pobra de Trives, ás 22,30 horas.

Os asistentes esa noite ao Festival de Viana do Bolo podían gozar coas danzas e o os ritmos que forman o variado repertorio do grupo Elenco Nukanchik de Ecuador, Grupo de Danza Folclórica “Tucović”, de Serbia e Teatro de Danza Folclórica YiTzy, de Taiwán.

En Pobra de Trives, o público asistía ás representacións de parte da historia e das raíces de tres países representados de xeito maxistral por Sebastia Dance Ensemble – Taron Aesthetic Center de Armenia; Compañía Nacional de Danza Folclórica de Nieves Paniagua de México e o Ballet Jammu de Senegal.

Serbia é un dos países xa veteranos na historia das Xornadas de Folclore. Este ano conta coa presenza do grupo Folk Dance Group “Tucovic” creado en Belgrado en 1978 polos coreógrafos Dragoslav Dzadzevic e Dejan Simyonov, quen considera as xornadas como “a miña segunda casa”, tras sumar esta edición doce visitas.

Entre os numerosos grupos de folclore de Serbia, a compañía Tucovic, ocupa un lugar destacado, sendo un dos máis populares e de maior éxito do país balcánico. Esta formación aposta pola presentación do rico folclore serbio dun xeito novidoso e atractivo, no que prevalece o entusiasmo dos seus compoñentes no escenario, como poido comprobar o público ourensán nesta edición.

Os seus bailaríns alcanzan unha calidade artística baseada nas súas habilidades, dedicación e traballo nos ensaios, que acompañado dun variado e colorido vestuario e unha alegre e contaxiosa música, fan das presentacións de Tucovic un dos principais representantes do folclore serbio, recoñecido en festivais de folclore de todo o mundo: México, Taiwán, India, Francia, Grecia, Exipto ou Turquía.

18 de agosto:  Ourense

O Parque de San Lázaro de Ourense será neste 18 de agosto o punto de partida do tradicional desfile que levará aos músicos e danzantes das seis agrupacións participantes nesta XLI edición das Xornadas ata a Praza Maior. O percorrido comezará ás 22,30 horas e as actuacións ás 23, 00 horas, Tódalas actuacións son gratuítas.

 

Back to top button