En portadaÚltima horaVídeos

A nacionalista Graciela Diéguez toma posesión como a primeira alcaldesa de Viana do Bolo asegurando que “esta é a casa de todos”

Collía o relevo do socialista Germán García-Ávila, á fronte do concello trala moción de censura contra o popular Andrés Montesinos que en setembro de 2025 saía adiante cos votos dos edís do BNG e do PSdeG-PSOE

 

Na mañá deste martes 18 de agosto o salón de plenos do Concello de Viana do Bolo enchíase de veciñanza e representantes políticos para vivir un feito histórico: que unha muller tomara posesión como alcaldesa da vila. Así o facía a nacionalista Graciela Diéguez cuxa chegada á alcaldía forma parte do pacto acordado co PSdeG-PSOE, tras a moción de censura presentada por ambos partidos en setembro do 2025, cando gobernaba Andrés Montesinos (PP), e que saía adiante.

 

 

O acordo entre ambas forzas políticas incluía unha alcaldía rotatoria, primeiro para o socialista Germán García-Ávila e seguidamente, para a edil nacionalista. Unha etapa que comezaba hoxe diante dos seus veciños, amigos e familiares.

 

 

Do pacto acadado o ano pasado falaba o portavoz do BNG de Viana, Secundido Fernández quen, visiblemente emocionado, aseguraba aos presentes que “neste tempo o BNG cumpríu escrupulosamente o acordo, garantindo a estabilidade, apoiando atotalidade das propostas da alcaldía e por suposto evitando a confrontación”. Destacou que “unha vez máis demostramos que cando se chega a acordos o BNG cumpre e respecta o asinado”, sendo un socio de goberno “de fiar, estable e lear que apoio publicamente o labor desenvolto polo goberno municipal”, dando como resultado “unha estabilidade política que non se vira nos últimos anos no Concello de Viana do Bolo”, dixo, o que permitiu “desenvolver propostas e actuacións en beneficio das veciñas e veciños do noso querido concello”.

Sobre a xa nova alcaldesa de Viana, Secundino destacou que “tivo que pasar toda a historia do noso fermoso concello para que neste 2026 e por primeira vez, unha muller recolla o bastón de mando e con el a máxima representación das vianesas e vianeses. Un bastón “de concordia”, engadíu, “que terá unha connotación especial nas más dunha muller vianesa”, dixo, destacando que “o orgullo, satisfacción e tamén responsabilidade de ser a primeira muller alcaldesa é moita para Graciela e os que a acompañaremos no goberno municipal”, e aseberando que “ten capacidade de traballos e ganas para exercer esta responsabilidade, con experiencia política e de xestión”.

 

 

Das propostas e actuacións levadas a cabo nestes meses de coalición ás que facía referencia Secundino, falaba o ata hoxe alcalde, o socialista Germán García-Ávila, facendo un repaso polas melloras que neste tempo conseguiron para o concello, e das dificultades coas que se atoparon ao chegar á alcaldía. Falou do envelecemento de rúas e prazas, da mellora de accesos e de accesibilidade, das obras no campo municipal das Carrelas e noutros puntos vencellados ao apartado deportivo e de lecer como a creación de pistas de pádel, da creación de aparcadoiros,… Especial mención tivo para “un investimento histórico” conseguido co convenio asinado coa CHMS “de 2 millóns de euros que permitirá construír unha depuradora que instalada nos anos 90 nunca funcionou, permitindo ademais desbloquear o plan básico de urbanismo”.

 

 

Tamén lembrou as actuacións levadas a cabo trala riada que destruído boa parte dos pobos da Bouza ou Pradocabalos, asegurando que “foi unha honra traballar polo seu pobo prestando atención aos problemas da xente “sen amiguismos nin cores políticas”. Tamén agradeceu as loanzas polo traballo feito e recoñeu que entenden as críticas pedindo desculpas por non ter chegado a todas as demandas e polos fallos cometidos, asegurando que “non foi a nosa intención danar a ninguén”. Tamén emocionado, remataba desexando á nova alcaldesa e concelleiros entrantes “acerto e moito éxito”, asegurando que seguirán facendo o que facían na oposición “achegar propostas que sexan boas para o arranxo das eibas e satisfacer as demandas veciñais, contando con toda a nosa axuda, se a precisades”.

 

 

Tralas intervenciosn de ámbolos dous grupos políticos chegaba o turno da votación, e sen sorpresas, cos votos a favor de BNG e PSdeG-PSOE e a abstención do PP, Graciela Diéguez era proclamada alcaldesa de Viana do Bolo. Un cargo que asume coa “enorme responsabilidade de xestionar os recursos públicos” e co obxectivo de “mellorar a vida das vianesas e vianeses”. Un reto que asume con “moita emoción e motivación”, marcándose como obxectivo prioritario “ser un concello de portas abertas, que escoite a veciñanza e que traballe e solucione os problemas das veciñas e veciños”.

 

 

Acompañada pola súa familia á que lle daba publicamente as grazas, Graciela asegurou que teñen “un concello espectacular” ao que teñen que pór Viana en valor. “E para iso estou aquí e vou con todo o empeño e compromiso” para atender ao 52 pobos do concello, “escoitando e falando cos veciños e veciñas dos seus problemas, e na medida do posible arranxar os problemas porque a medida dos problemas defínea o que afecta á vosa vida cotiá” dixo, dirixíndose aos veciños presentes, asegurándolles que “como alacaldesa estarei sempre á vosa disposición porque como xa dixen, esta é a casa de todos”, asumindo a responsabilidade de “xestionala e na medida do posible, mellorala”.

 

 

No se discurso tivo palabras para as mulleres en xeral e para as da súa familia en particular, grazas ás cales é como é, e ás que representará de forma especial; tamén para os seus compañeiros de partido; para a súa etapa como concelleira de Cultura cando Secundino foi alcalde; e mesmo dos inmigrantes que forman xa parte da vida de Viana, asegurando que “son ben recibidos”.

 

 

Entre sonoros aplausos e tras levantar a sesión extraordinaria do pleno, a nova alcaldesa de Viana do Bolo recibía as felicitacións de todos os presentes.

 

 

Fotos e vídeos: Mónica G. Bellver

Back to top button