
Na tardiña do martes 18 de agosto producíase un accidente mortal en Xinzo de Limia no que falecía un home tras sufrir unha caída coa bicicleta que manexaba, tal como indican dende o 112 Galicia, lamentando que “malia os intentos, nada se puido facer por salvarlle a vida”.
Eran ao redor das 21 horas cando o 112 Galicia era informado por un particular deste accidente. “Indicaba que un varón caera da bici e que estaba inconsciente, no lugar de Manga de Arriba, quilómetro 6, en Lamas, no concello de Xinzo”, explican dende o centro de emerxencia, cuxos xestores pasaban aviso ao persoal do Servizo de Urxencias Sanitarias de Galicia-061. Tamén informaban á Garda Civil de Tráfico, á Policía Local, aos Bombeiros de Xinzo e aos efectivos da Agrupación de Voluntarios de Protección Civil da localidade.
“Finalmente, tras recibir os primeiros auxilios no lugar dos feitos, o home faleceu, nada se puido facer por salvarlle a vida”, confirman dende o 112.