
A Festa da Istoria de Ribadavia xa conta coa programación completa da súa XXXVII edición, que se celebrará os días 28, 29 e 30 de agosto de 2026 e que volverá converter o casco histórico da vila nun escenario de recreación da época medieval.
Durante tres xornadas, Ribadavia acollerá algunhas das actividades máis representativas da celebración, como o mercado medieval, o Gran Desfile da Istoria, o pregón, a recreación da voda xudía, o xadrez vivente, o xantar medieval, a cetraría, os espectáculos ecuestres, o certame de vestimenta, a carreira de pipotes, o baile medieval, o teatro e diferentes actuacións musicais.
A concelleira de Cultura de Ribadavia, Yolanda Gómez, destaca a “enorme variedade de actividades que se van desenvolver ao longo de tres días, o que demostra tamén o importante traballo que hai detrás dunha celebración destas características”. Gómez pon en valor tamén o carácter participativo da Festa: “A Istoria non se entende sen a implicación das persoas e colectivos que forman parte dela. É unha celebración que ocupa as rúas, as prazas e os espazos históricos de Ribadavia e que consegue que toda a vila participe na recreación e na recuperación da nosa historia”.
A concelleira anima tanto á veciñanza como ás persoas visitantes a “gozar de todo o programa, vestirse de época e vivir Ribadavia durante estes días dunha maneira diferente, respectando e poñendo en valor o patrimonio, a tradición e o esforzo de todas as persoas que fan posible a Festa”.

O venres abre a programación
A actividade comezará o venres 28 de agosto ás 11h. coa apertura do Campamento Medieval no Castelo dos Sarmiento, onde revivirá o campamento con xogos, artes e saberes de outrora, activo durante toda a xornada. Ás 18h. terá lugar a apertura do Mercado Medieval, co que o centro da vila se encherá de artesáns, aromas e músicas. Ás 20:30 horas, na igrexa de San Domingos, celebrarase un concerto de música a cargo do Coro da Istoria e Ensemble de la Lira, co Grupo de Música Antiga 1500 como convidado.
A programación continuará ás 21h. coa lectura do Bando da Istoria, no que o pregoeiro a cabalo proclamará as normas da Festa da Istoria acompañado dos Tabaleiros da Istoria. Ás 21:30 horas, as Pandeireteiras da Istoria farán soar a Praza da Madalena, e ás 22h. chegará a quenda dos Tabaleiros da Istoria, que percorrerán as rúas coa súa música. Ás 22:30 horas, o Auditorio “Rubén García”, no castelo, acollerá “O Malsín”, unha proposta de teatro de recreación histórica centrada na expulsión dos xudeus de España polos Reis Católicos e nas súas consecuencias para Ribadavia. O peche musical da xornada chegará ás 23:30 horas na Alameda co concerto do grupo folk Óscar Ibáñez & Tribo. Ao remate do concerto, na fachada do Castelo, celebrarase un espectáculo de lume a cargo da Compañía Malatitsch e Pirotecnia Josman.

O sábado concentra os grandes actos da Festa da Istoria
O sábado 29 de agosto a programación comezará ás 10:30h. coa apertura do Mercado Medieval e do Banco da Alhóndiga. Ás 11h. partirá o Gran Desfile da Istoria, desde a rúa Baixada ao Concello ata a fachada do Castelo. Ás 11:30 horas terá lugar o pregón, a cargo do Teatro da Istoria, e o nomeamento dos Notables da Istoria. As portas do Castelo abrirán ás 12h. para acoller animación, tiro con arco, teatro, recreacións históricas, música, cetraría e oficios da época. O acceso estará reservado ata as 19.00 horas ás persoas que leven traxe medieval e o recinto pechará ás 22h.
Ás 12:30 horas, a Praza Maior acollerá o Baile Medieval das Donas sen Cabaleiros da Istoria. Ás 13h. celebraranse simultaneamente o Xadrez Vivente, no castelo, con acceso pola Praza Maior e entrada libre, e a saída desde a rúa dos Fornos da comitiva nupcial da Voda Xudía. O Duelo de Cabaleiros, a cargo de especialistas de Hípica Celta, terá lugar ás 13:30 horas no Auditorio “Rubén García”, no castelo. Ás 14h. celebrarase a recreación da Voda Xudía, seguindo os ritos e costumes sefardís, coa comitiva ata a Igrexa da Oliveira. O acceso será unicamente con traxe de época. Ás 14:30 horas coincidirán a exhibición de cetraría na praza Maior e o Xantar Medieval na Madalena, este último con reserva previa. Xa pola tarde, ás 16 horas, celebrarase no Castelo o VIII Certame de Vestimenta Medieval, con inscrición ata as 15:30h. no punto de información da Istoria. Os Tabaleiros da Istoria percorrerán rúas e prazas a partir das 17:30 horas, e ás 18:30 horas disputarase a tradicional Carreira de Pipotes, desde a rúa Progreso ata a fachada do Castelo.
A programación trasladarase ás 19h. á Veronza cunha nova cita coa cetraría, a cargo do grupo Águilas de Valporquero. No mesmo espazo celebrarase ás 19:30h. o Gran Torneo Medieval, a cargo do grupo Especialistas Hípica Celta. Ás 21 horas, o Auditorio do Castelo acollerá baile medieval e música coas Donas sen Cabaleiros da Istoria. O Banco da Alhóndiga pechará ás 22 horas, e a última gran cita da xornada chegará ás 23.00 horas na Alameda co concerto do grupo folk A Roda, formación con 47 anos de traxectoria e referente da música popular en Galicia.

Mercado artesanal e animación para despedir a festa
O domingo 30 de agosto, entre as 12 e as 21 horas, desenvolverase o Mercado Artesanal polas rúas e prazas do casco histórico. Durante toda a xornada haberá tamén música e animación, que porán son e alegría á despedida da XXXVII edición da Festa da Istoria.
A edición de 2026 contará coa participación de numerosos colectivos de recreación histórica, agrupacións musicais, artesáns e grupos vinculados á celebración, entre eles Voluntarios/as da Istoria, Emcadeamentos, Voda Xudía, Verdugo, Valparaíso de Francelos, Tabaleiros da Istoria, Soldados, Artesáns, Rei García e a súa Dona, Pregoeiros e convidados de honra, Pandeireteiras da Istoria, Notables, Nobres, Nenos de Xadrez, Halconeiros Águilas de Valporquero, Grupo de Baile Donas sen Cabaleiros, Gastráfetes, Especialistas Hípica Celta, Don Pedro e Dona Ana, Coro da Istoria e Ensemble La Lira, Clero, Templarios, Grupo de Gaitas Airiños de Arnoia, Adiantado Maior do Reino, Turdión Música Medieval, Grupo de Música Grimorium, Gaiteiros Castrodeallo, Banda de Gaitas de Trasmiras, Compañía Malatitsch, Grupo de Música Antiga 1500 e Grupo Kaltie.
A organización informa ademais de que haberá autobuses gratuítos entre as 10 e as 22 horas para facilitar o acceso ao centro da vila.
A moeda oficial do sábado 29 de agosto será o maravedí, polo que se solicita facer o cambio no Banco da Alhóndiga, situado na Praza Maior, ou en calquera das súas sucursais.