
A aldea de Meda, no concello de A Veiga, celebrará os días 25 e 26 de agosto as súas festas patronais na honra a Santa María, unha cita moi esperada pola veciñanza, así como por moitos visitantes que cada ano se achegan para desfrutar dunha programación chea de actividades para todas as idades, combinando tradición, música e gastronomía.
Os festexos darán comezo o martes 25 de agosto a partir das 21:30 h, onde terá lugar unha das grandes novidades deste ano, a Festa da Panceta. Trátase dunha cea popular na que se aposta por poñer en valor un dos produtos típicos, a panceta do porco. Dende a Asociación Cultural Meda Medra explican que “este ano quixemos tematizala cea arredor dun produto tan noso e que tivo tanta presenza nas nosas aldeas coma panceta ou febra de porco”.
A cea contará cun menú composto a base de panceta de porco a grela, chourizo, empanada, pan, bica, viño, auga e chocolate. O prezo será de 15 euros (a partir dos 12 anos), a venda no local social da Escola de Meda. A música estará presente durante toda a noite no Campo da Festa coa Discomóbil Opium e o DJ Isra, que amenizará a festa ata ben entrada a madrugada.
Xa pasada a medianoite, chegará un dos momentos máis especiais das festas a Noite do Carro. Nesta peculiar tradición, un carro percorre as rúas da aldea anunciando a festa co seu son característico, creando unha atmosfera máxica e cargada de simbolismo.

O mércores 26 de agosto, os actos continuarán no día grande dende primeiras horas da mañá. Ás 11:00 h, o grupo tradicional Gaiteiros “Castrodeallo” percorrerá as rúas animando co seu pasarrúas. Xa ás 13:00 h, terá lugar a misa solemne na honra a Santa María, seguida da tradicional procesión e finalmente e sesión vermú acompañada polos gaiteiros.
Xa pola tarde, a partir das 18:00 h, haberá actividades pensadas para todos os públicos, entre elas o xa tradicional Campionato de Bolos e a segunda edición da Festa da Auga, dúas propostas espectaculares para reunir a veciñanza e visitantes.
Ás 21:00 h dará comezo o baile de tarde a cargo da Orquestra Suavecito, que poñerá ritmo a tarde-noite. Unha vez rematado o pase, realizarase a entrega de premios e sorteo das rifas.
A xornada culminará a partir da 01:00 h cunha gran verbena a cargo da Orquestra Suavecito, seguida do fin de festa da man da Discomóbil Opium (DJ Isra), ata que “o corpo aguante”.
Dende a asociación convidan a participar “non faltedes!”.
Fotos cedidas pola Asociación Meda Medra.
