
Ata o municipio Vilariño de Conso desprazábase esta mañá o delegado da Xunta en Ourense, Manuel Pardo, para, acompañado da súa alcaldesa, Melisa Macía, supervisar o resultado das tres actuacións levadas a cabo ao abeiro da orde de axudas do ano 2025 da Consellería de Medio Ambiente e Cambio Climático para apoiar aos municipios no desenvolvemento de proxectos locais de adaptación fronte ao quecemento global ás que a Xunta destinou 180.000 euros.
O delegado subliñou que na resolución da convocatoria de axudas deste ano, o Goberno galego destinou preto de 600.000 euros para acometer 11 proxectos en 10 concellos da provincia de Ourense, o que supón o 42% do orzamento global desta orde de achegas -1,4 millóns de euros-, co fin de apoiar ás entidades locais no desenvolvemento de políticas locais de adaptación fronte ao cambio climático. Nesta liña, concretou que os municipios beneficiados por esta liña de subvencións, ademais do concello de Vilariño de Conso, foron Castrelo de Miño, Vilar de Barrio, Boborás, Larouco, O Riós, A Veiga (dous proxectos), Barbadás, Amoeiro e Porqueira.
Durante a súa estadía neste municipio, Manuel Pardo lembrou que esta é a segunda convocatoria que fai o Goberno galego desta orde de axudas, posta en marcha o ano pasado e que teñen como obxectivo converter ás entidades locais, pola súa condición de administración máis próxima ao cidadán, en lugares máis verdes, resilientes ao quecemento global e cunha mellor calidade de vida.

Liñas de actuación e importe das axudas
O representante do Goberno galego sinalou que estes apoios autonómicos teñen como obxectivo financiar actuacións en espazos públicos orientadas tanto a atenuar o efecto illa de calor como a reforzar a biodiversidade e as zonas verdes de áreas urbanas e periurbanas.
No primeiro caso subvenciónanse intervencións dirixidas á identificación e adecuación de refuxios climáticos, entendidos como espazos cunha relativa estabilidade e condicións ambientais favorables que os converten en lugares idóneos para combater as altas temperaturas e ofrecer protección á poboación.
No segundo grupo, que concentra a maior parte das subvencións concedidas este ano, encaixan iniciativas de sombreado natural en rúas e prazas co plantado de árbores, preferiblemente autóctonas; intervencións para reducir a impermeabilidade do solo e aumentar a drenaxe; a creación de microclimas co uso de láminas de auga; a implantación de xardíns verticais e cubertas verdes en infraestruturas públicas; a restauración de zonas húmidas ou a mellora da colectividade entre medio urbano e periurbano mediante sendas.
Manuel Pardo indicou que cada concello podía solicitar un máximo de 3 proxectos, cun importe máximo por subvención do 80% do investimento subvencionable, ata un límite de 60.000 euros por proxecto. Este foi o caso de Vilariño de Conso o ano pasado, que, en concreto, recibiu dúas axudas para a instalación de dúas pérgolas, na Casa do Concello e no albergue municipal, e unha terceira para a montaxe de chorros de auga emerxente na praia fluvial.
