CulturaCulturaMúsicaÚltima hora

A banda valdeorresa Tentempié conquista A Rúa Vella coa súa nova posta en escena

Amenizaba a verbena do sábado nas festas de San Roque organizadas pola Asociación Sabugueiro

 

Na madrugada do domingo 23 de agosto o grupo valdeorrés Tentempié volvía subirse ao escenario facendo parada na Rúa Vella, onde presentou unha das súas principais novidades deste ano: o seu propio camión escenario, unha aposta coa que a formación busca “ofrecer un espectáculo diferente e achegar a súa música a todo tipo de públicos”.

 

 

No marco das festas de San Roque, a música comezaba xa pola tarde da man dos seus compañeiros de El Patio de Leni, encargados de animar a sesión previa e dar paso posteriormente ao concerto de Tentempié que subía ao escenario á unha da madrugada. Durante as dúas horas e cuarto que durou o concerto, o público puido desfrutar dun amplo repertorio de versións de pop e rock, sempre reinterpretadas co selo e o estilo musical propio de Tentempié. Pero a música non foi a única aposta da formación. O grupo quixo coidar especialmente a parte visual e a posta en escena dos seus concertos, cun formato diferente no que o seu novo camión escenario xoga un papel fundamental.

 

 

A actuación da Rúa Vella súmase a outras citas que Tentempié foi realizando durante este ano. Sen ir máis lonxe, apenas un día antes, o venres 21 de agosto, a formación actuara tamén en Rubiá e proximamente, o grupo dará a coñecer as novas datas que aínda ten por diante antes de finalizar o ano.

 

 

Desde Tentempié fan un balance “moi positivo” desta tempada, especialmente por todo o traballo que ten habido detrás para conseguir poñer en marcha este proxecto. “Foron meses preparando o directo e dedicando horas e horas ao deseño e acondicionamento do seu camión escenario, ata conseguir levar á realidade a idea coa que comezamos”, aseguran dende a formación. De feito unha das principais metas deste primeiro ano era precisamente darse a coñecer, “que o público coñecese ao grupo e, sobre todo, o traballo que hai detrás de Tentempié”. Un obxectivo que consideran cumprido e que lles anima a seguir traballando e crecendo de cara ao futuro.

 

 

Ademais, desde o grupo consideran importante “seguir apostando pola música en directo nas festas de pobos e localidades, ofrecendo unha alternativa aos grandes formatos que predominan actualmente, con escenarios de grandes dimensións e amplos despregamentos técnicos”. Precisamente, Tentempié nacía tamén coa idea de “ofrecer un formato máis próximo, versátil e doado de adaptar a diferentes espazos, sen renunciar a un bo directo e a unha noite de festa para públicos de todas as idades. Unha proposta pensada para aqueles lugares que buscan desfrutar de música, ambiente e espectáculo, pero desde un formato diferente e sen necesidade de recorrer a grandes montaxes”.

 

 

A esta idea súmase outra das formulacións do grupo, “facilitar a cada localidade unha proposta que permita completar toda unha noite de festa”. Por iso, en moitas das súas actuacións, unha vez finalizado o concerto de Tentempié, a música continúa da man de diferentes dj, ampliando o repertorio a todo tipo de estilos e alongando a festa despois do directo. En anteriores citas contaron para iso con nomes como AmaDj ou Dj Dani Argü, combinando así nunha mesma noite a actuación da banda cunha sesión posterior de música para seguir desfrutando ata o final.

 

 

Con esa idea e despois destes meses, Tentempié encara a recta final do ano co obxectivo de “seguir dándose a coñecer e levando a súa música a novos lugares”.

 

 

Fotos e vídeos cedidos.

Back to top button