
Dende o Consorcio de Turismo Ribeira Sacra, en colaboración coa Axencia de Turismo de Galicia, vén de organizarse unha nova edición do Viñobús Vendima, unha das propostas xa consolidadas dentro do calendario enoturístico do territorio.
Nesta edición, a actividade desenvolverase os días 6, 12, 13, 19 e 20 de setembro, ofrecendo aos/ás participantes a oportunidade de achegarse á vendima tradicional e coñecer de primeira man o traballo que se desenvolve durante estas semanas nas ladeiras de Ribeira Sacra.
A experiencia comezará cun paseo polos viñedos acompañados por quen mellor coñece a vide e os seus coidados. Durante o percorrido, os participantes descubrirán as diferentes variedades de uva, as súas características e a importancia do solo, ademais de coñecer máis de preto as particularidades do cultivo en fortes pendentes.
Despois chegará o momento de participar na propia vendima: cortar os acios, recollelos e pisar as uvas como se facía antigamente. A actividade incluirá tamén unha cata de uvas, mostos e viños, que permitirá descubrir diferentes aromas, sabores e texturas e comprender mellor o proceso que leva da uva ao viño.
A xornada completarase cun xantar, recuperando así outro dos momentos tradicionalmente ligados á vendima e ao traballo dos viticultores e viticultoras da ribeira.

O Viñobús Vendima mantén a esencia das edicións anteriores, cun formato pensado para grupos reducidos, favorecendo unha experiencia próxima e de calidade. Trátase, ademais, dunha actividade apta para todas as idades, tal e como indican dende o Consorcio de Turismo Ribeira Sacra.
As inscricións quedan abertas dende este momento na web do Consorcio (máis abaixo).
DATAS 2026: 6, 12, 13, 19 e 20 de setembro
Horario: saída ás 10:30 h dende Monforte de Lemos e regreso arredor das 16:30 h aproximadamente.
Prezo: Adultos 15 €; nenos/as (4-12 anos) 10 €; menores de 4 anos gratis.
O prezo inclúe: traslado desde o punto de encontró, xantar en adega e guía acompañante.
Prazas limitadas: grupos reducidos, de máximo 15 persoas, para garantir unha experiencia auténtica.
Máis información e reservas: https://turismo.ribeirasacra.org/noticias/vinobus-vendimia-2026
Dende o Consorcio de Turismo da Ribeira Sacra lémbrase que o Viñobús Vendima “é unha actividade de carácter promocional, con prezos patrocinados con cargo ao Convenio Xeodestino 2026 coa Axencia de Turismo de Galicia”.
