
Pasaban escasos minutos das 8 horas deste martes cando un traballador dunha residencia localizada na rúa Morín, en Ribas Altas (Monforte de Lemos), informaba ao 112 Galicia de que saía lume dunha das habitacións do primeiro andar. Sacaran aos ocupantes da estancia e precisaban asistencia sanitaria, tal e como informa o 112 Galicia, indicando que había 5 persoas afectadas. “Unha delas sufriu queimaduras, mentres que as outras catro foron evacuadas por inhalación de fume. Foi necesario o desaloxo de todos os residentes durante as tarefas de extinción e ventilación”, tal e como indica o 112.
Os bombeiros atallaron rapidamente as lapas e procederon coa ventilación das instalacións, mentres que as cinco persoas afectadas foron trasladadas ao Hospital de Monforte.
No operativo participaron Urxencias Sanitarias de Galicia-061, os Bombeiros e o Servizo Municipal de Protección Civil de Viveiro, así como os axentes da Policía Nacional e Local.