
Do 3 ao 14 de setembro o Barco de Valdeorras acollerá o campo de voluntariado xuvenil “Camiño de Inverno: Natureza e Arte en cada paso”, organizado pola empresa Eco dos Teixos no marco da programación Acción de Verán da Dirección Xeral de Xuventude da Xunta de Galicia.
O programa reunirá a unha decena de mozos e mozas voluntarias procedentes de diversos puntos de España (das provincias de Castellón, Valencia, Madrid, Sevilla, Albacete, Ourense e Pontevedra) que “achegarán a súa enerxía e compromiso social para mellorar a contorna do trazado xacobeo e participar nunha experiencia moi enriquecedora de convivencia e aprendizaxe”.

Así o explicaban na presentación que tiña lugara na mañá deste mércores 2 de agosto no Concello do Barco, á que asistían o alcalde, Alfredo García, e os responsables de Eco dos Teixos así como da creadora de Artesanía Enxebre -referente comarcal no traballo sustentable e artesanal con madeiras de proximidade e materiais naturais, adscrito á marca Artesanía de Galicia-, que dirixirá a creación dunha intervención artística de Land Art que quedará instalada de xeito permanente no paseo do Malecón do Barco. Serán os responsable de guiar aos voluntarios en todo o proceso creativo e de execución, con elementos da natureza da obra, un dos fitos máis salientables e orixinais deste proxecto.
Tal como explicaron, a obra inspirará o seu deseño no símbolo da aureana, concibida como unha emotiva homenaxe ás históricas bateadoras de ouro que, dende a época romana, traballaron nas marxes e nas augas do río Sil ao seu paso por Valdeorras. Así mesmo, representará un fito no Camiño de inverno, para que os peregrinos poidan coñecer mellor e vincularse coa historia da comarca pola cal camiñan.

Máis alá da creación artística, o voluntariado desenvolverá importantes actividades ambientais e de conservación ao longo da ruta do Camiño de Inverno e do río Sil. Entre as actuacións previstas destacan o control manual e erradicación de flora vascular invasora, a limpeza e acondicionamento de puntos críticos e zonas de baño fluviais, a creación de refuxios para a fauna autóctona con materiais do terreo e a sinalización en sendeiros como o da Fervenza da Pincheira.
Ademais, Eco dos Teixos organizou un programa de actividades complementarias e de ocio educativo para o grupo como a ruta ao Teixadal de Casaio (o bosque de teixos máis antigo e importante de Europa), visita ao conxunto monumental de Xagoaza, rutas pola ribeira do río Galir, experiencias de turismo enolóxico en adegas subterráneas tradicionais da D.O. Valdeorras e actividades deportivas e creativas coma tiro con arco ou puntillismo sobre lousa local.
Fotos cedidas.