ConcellosÚltima horaViana do Bolo

A situación das aldeas afectadas polas riadas, tema central da reunión entre a alcaldesa de Viana e o delegado da Xunta

No encontro con Manuel Pardo, Graciela Diéguez tamén lle planteaba outras cuestións en materia de infraestruturas

 

 

O delegado da Xunta en Ourense, Manuel Pardo, reuníase esta mañá coa nova alcaldesa de Viana do Bolo, Graciela Diéguez, para analizar as principais demandas deste municipio en relación á administración autonómica. Un dos puntos principais era a situación actual e futura das aldeas afectadas polas riadas e os arrastres de terreos queimados o pasado verán, en concreto, as de A Bouza, Pradocabalos, Pixeiros e O Castro.

Neste senso, Graciela Diéguez apunta que esta cuestión “continúa a ser a maior preocupación deste Goberno municipal”. Neste enso a rexedora solicitaba información “sobre as intervencións previstas para a restauración forestal e hidrolóxica das zonas afectadas, así como sobre as medidas de prevención que se van adoptar para minimizar o risco de que unha situación similar poida volver producirse no futuro”. Así mesmo, solicitaba que “se tramiten axudas para as persoas afectadas polas riadas, co obxectivo de que poidan facer fronte aos danos e perdas ocasionados por estes episodios”.

Tamén se preguntaba polo estado da tramitación da declaración de zona de emerxencia, aprobada polo Pleno do Concello de Viana do Bolo o pasado 25 de xuño de 2026, así como pola súa evolución administrativa.

Mellora da seguridade viaria na OU-533

Outro dos asuntos tratados foi o estado dos trámites relativos ao proxecto de mellora da estrada OU-533. Ademais a alcaldesa de Viana do Bolo trasladáballe á Xunta “a necesidade de mellorar e facer máis seguro o tránsito de vehículos e peóns pola nosa vila, solicitando a creación de pasos de peóns máis seguros e tamén a posibilidade de executar unha rotonda no acceso a Viana do Bolo. Neste sentido, agardamos recibir nos próximos días a chamada da Directora Xeral de Infraestruturas, co obxectivo de avanzar nestas cuestións relacionadas coa seguridade viaria”.

Centro de Día en Viana do Bolo

No decurso da reunión, tamén se puxo sobre a mesa a posibilidade de crear un Centro de Día en Viana do Bolo, “unha infraestrutura que consideramos fundamental e unha necesidade real para o noso concello, caracterizado por unha poboación cada vez máis envellecida e por unha importante dispersión xeográfica”.

 

 

Situación da Ponte de Umoso

Finalmente, abordábase a situación actual da Ponte de Umoso, “unha infraestrutura moi deteriorada, pero de grande importancia para as persoas que a utilizan”, segundo a alcaldesa de Viana. Desde o Concello solicitouse “a colaboración e financiamento das distintas administracións públicas para poder acometer unha actuación integral que permita recuperar esta ponte e garantir a súa seguridade e funcionalidade”.

Valoración da reunión

Para a rexedora de Viana do Bolo, a reunión mantida co delegado da Xunta en Ourense resultaba unha xuntanza “produtiva” e que lle permitiu “trasladar directamente á Xunta as principais necesidades e preocupacións do Concello de Viana do Bolo, así como coñecer o estado dalgunhas das actuacións e trámites pendentes”.

Graciela Diéguez apunta que “agora quedamos á espera de solucións e de información concreta sobre os diferentes asuntos abordados, así como de que os compromisos e cuestións trasladadas se traduzan en actuacións e avances reais e áxiles”. E incide en que “o compromiso do Concello segue sendo claro: defender os intereses de Viana do Bolo, reclamar as actuacións que o noso concello precisa e traballar para conseguir melloras e solucións para as nosas veciñas e veciños”.

 

 

Back to top button