
O grupo municipal do BNG do Barco levará ao pleno ordinario de setembro neste concello, previsto para o xoves día 3, unha moción para pedir unha liña de axudas directas para as familias con menores en tratamento terapéutico ou con celiaquía. “O tratamento terapéutico é un conxunto de prácticas, intervencións, estratexias ou coidados especializados que teñen como obxectivo curar, paliar, rehabilitar ou previr trastornos, doenzas ou dificultades que afectan á saúde física, mental, emocional ou social dunha persoa. Polo tanto, non estamos falando de medicamentos senón de terapias de desenvolvemento e da conduta”, tal e como explica ao inicio da moción o voceiro nacionalista, Manuel Agra.
Entre os principais tipos de tratamentos terapéuticos na infancia, o BNG cita, a “Psicoloxía infantil e Psicoterapia, que axuda a tratar problemas emocionais, trastornos de conduta, ansiedade, depresión, dificultades de adaptación ou situacións derivadas do TDAH (Trastorno por Déficit de Atención e Hiperactividade) ou Trastorno do Espectro Autista (TEA); a Logopedia / Reeducación da linguaxe, que intervén para corrixir trastornos da fala, atrasos na adquisición da linguaxe, problemas de comprensión escrita, dislexia ou dificultades na deglutición; a Terapia Ocupacional e Integración Sensorial, que ensina ao menor a gañar autonomía nas actividades diarias (vestirse, comer, escribir) cando existen problemas de coordinación motriz ou dificultades para procesar estímulos (ruídos, texturas); a Fisioterapia neurolóxica ou Psicomotricidade, tratamentos físicos para mellorar o movemento, a postura, o equilibrio e a forza en nenos con lesións cerebrais, atrasos motores ou enfermidades neuromusculares”.
Así mesmo o grupo nacionalista indica que “os tratamentos terapéuticos, para poder optar a axudas públicas, deben cumprir unha serie de requisitos: prescrición profesional, impartidos por especialistas titulados e un deseño individualizado.Teñamos en conta que estamos a falar de intervencións de saúde esenciais para que o menor poida estudar, relacionarse e ter un futuro autónomo. Ao non haber unha cobertura total e continua na sanidade pública pasada a primeira infancia, as familias vense obrigadas a pagar unhas tarifas por sesión -o normal é que sexan varias pois adoitan ser tratamentos continuados- en centros privados que supoñen un impacto económico moi grande para a maioría das familias. As terapias dalgúns tratamentos poden pasar dos 800€ ao mes”.
Por outra banda, a moción tamén aborda a problemática da enfermidade celíaca, que “é un trastorno autoinmunitario crónico e sistémico provocado por unha intolerancia permanente ao gluten, unha proteína presente no trigo, cebada e centeo”. Debido ao anterior, “as familias con persoas celíacas necesitan mercar alimentos elaborados especificamente para elas, o cal supón unha carga económica considerable. Segundo a Federación de Asociaciones de Celíacos de España (FACE), “o sobrecusto da dieta sen gluten mantense preto dos 1000€ anuais por persoa.”
Neste senso, o BNG do Barco sinala que “xa hai concellos galegos que teñen en conta os sacrificios económicos que se ven obrigadas a realizar as familias con membros que necesitan estas terapias. Queremos que o Concello do Barco amose tamén a súa sensibilidade coas persoas que precisan deses tratamentos” e, así, solicita na moción ao pleno que se aproben os seguintes acordos: que “o Concello do Barco de Valdeorras implantará unha liña de axudas directas a familias con menores en tratamento terapéutico” e que “o Concello do Barco de Valdeorras implantará unha liña de axudas directas a familias con menores con enfermidade celíaca”.