Na tarde do mércores 2 de agosto producíase un accidente de tráfico en Viana do Bolo no que se vía implicado un único vehículo. Tal como indican dende o 112 Galicia “unha persoa tiña que ser excarcerada logo de envorcar o coche que conducía”.
O accidente producíase arredor das 19:20 horas, sendo un particular quen informaba ao 112. “O alertador indicara que había un coche envorcado no quilómetro 27 da OU-533, cunha persoa no seu interior sen ser capaz de saír”.

Decontado, os xestores do 112 Galicia informaron ao Servizo de Urxencias Sanitarias de Galicia-061, ao GES da Veiga, á Garda Civil de Tráfico, á Policía Local e á Agrupación de Voluntarios de Protección Civil de Viana do Bolo.
Logo de intervir, “os membros do GES explicaron que fora preciso empregar o material de excarceración para liberar ao ferido, o cal sería trasladado polo persoal sanitario ata o hospital de referencia”, informan dende o 112.