CulturaCulturaÚltima hora

“As paisaxes posibles” de Alba Fernández, no Espacio de Arte Roberto Verino en Ourense

 

Máis aló da luz que se filtra no bosque, ou os escintileos que poden viaxar ao fondo do mar, existe un territorio onde as formas se desposúen do accesorio para volverse puras posibilidades. E nese territorio se move a mostra “PAISAJES POSIBLES. O la fugacidad del instante”, de Alba Fernández, que poderá visitarse ata o vindeiro 31 de outubro no Espacio de Arte Roberto Verino en Ourense.

Esta mostra parte do concepto de fugacidade, a profunda emoción ante un mundo que cambia constantemente, ou a beleza sublime do instante. Pezas inspiradas na fluidez do tempo e a vida, temas explorados por Virginia Woolf. Ou no consolo e a invitación á alegría con que a natureza nos abraza se, como escribiu Mary Oliver, prestamos atención.

 

 

A través dunha estética sinxela, amable e non saturada, Alba Fernández emprega a técnica da colaxe poñendo en valor a sutileza do propio material, das súas texturas e matices. Con pasta de arxila, ceras e mesmo tecido, achega e afasta do papel os elementos para trazar composicións sensibles mediante a luz e a sombra.

Siluetas redondeadas e cores vivas actúan como detonantes da imaxinación. Unha forma non se pecha nun único significado; transita libremente entre infinitas posibilidades podendo ser ao mesmo tempo, por exemplo, o contorno dunha montaña ou a curva dunha nube. Non se trata de paisaxes estáticas, senón paisaxes posibles, que á súa vez flúen e se nos escapan no tempo. Un convite á imaxinación desde múltiples e inesgotables miradas.

 

Back to top button