ConcellosO BarcoÚltima hora

A reforma da praza Maior do Barco, prevista tras as festas, abordada no pleno do Barco

A concelleira do PP Dosinda Arias preguntaba sobre os prazos e o seu desenvolvemento

 

A reforma da praza Maior do Barco, unha obra cuxo inicio está previsto para despois das Festas do Cristo, era outro dos temas que se abordaban na sesión plenaria do Barco deste 3 de setembro. Era a concelleira do PP barquense, Dosinda Arias, quen se refería a ela no apartado de rogos e preguntas, interesándose por se había un calendario da actuación e pola data de remate dos traballos, entre outras cuestións.

“A información que teñen na contorna é que se empezarán as obras despois das festas, pero o que nos pregunta a xente é que día exacta comezarán as obras e cal será o calendario, se o Concello realizou algún estudo sobre o impacto económico que eses 7 meses de traballos poden supoñer nos negocios da praza Maior, que medidas concretas vai adopar o Concello para que os establecementos poidan seguir sendo accesibles, visibles e operativos durante toda a execución. Tamén preguntan se o goberno municipal contempla axudas, bonificacións ou medidas de apoio aos negocios polas perdas graves que sufrirán polas e que información lle deron á veciñanza e aos negocios de como se organizarán os traballos e que zonas se pecharán”.

 

 

O alcalde do Barco, Aurentino Alonso, sinalaba que esas mesmas cuestións “xa nos chegaron á alcaldía”. E aseguraba que esta obra “tiña que ter empezado xa, está adxudicada dende hai 2 meses e, á petición dalgún empresario da zona, demorouse ata despois do Cristo, senón xa tería comezado. Fomos receptivos, pero a empresa ten uns prazos e ogallá que non nos veña un inverno crú como o ano pasado”.

O rexedor tamén recoñecía que “onde hai obras, hai dificultades, dende logo todo o que é a accesibilidade, a dirección de obra e a construtora teñen que plantexar uns temas da propia seguridade da obra, e logo calquera negocio ou portal que haxa na zona ten que ser accesible e haberá que poñerlle uns sistemas de acceso adecuados, todo iso vai xa incluído no plan de seguridade da obra por lei. Si que cando hai obras hai certos problemas, pero dende logo nunca se estableceu ningún plan de axudas dende este Concello. E tratarase de que a obra se execute coa maior rapidez e dilixencia posible, pero contra as inclemencias meteorolóxicas si que non podemos loitar. Evidentemente as obras é o que teñen, que xeran certas incomodidades, pero logo tamén revalorizan ese espazo”.

Fotos: O SIL.

 

Back to top button