En portadaÚltima hora

Santos destaca a total coordinación das forzas e corpos de seguridade para que as Festas do Cristo do Barco transcorran “con normalidade e seguridade”

A Xunta Local de Seguridade ultimou o operativo para garantir a seguridade na celebración, que terá lugar do 11 ao 14 de setembro

 

O subdelegado do Goberno en Ourense, Eladio Santos, destaca a total coordinación das forzas e corpos de seguridade para que as Festas do Cristo do Barco de Valdeorras transcorran “con normalidade e seguridade”. Facíao durante a Xunta Local de Seguridade que copresidiu xunto ao alcalde barquense, Aurentino Alonso.

Na reunión participaban representantes da Garda Civil, da Policía Local, da Policía Nacional, da Xunta e a xefa da Unidade contra a Violencia sobre a Muller da Subdelegación do Goberno en Ourense, Alida Iglesias; así como membros do Centro Comercial Aberto Obarcoaberto e Asociación Empresarial de Valdeorras (Aeva). Os asuntos abordados foron as estatísticas de criminalidade do municipio, o seguimento dos datos de violencia de xénero, o Plan Director para a convivencia e mellora da seguridade nos centros educativos e as súas contornas, e o operativo para garantir a seguridade nas Festas do Cristo, que se celebrarán do 11 ao 14 de setembro.

No marco da celebración, a cita que require un especial dispositivo é do 58º Descenso do Sil, que terá lugar o sábado 12. “As Forzas e Corpos de Seguridade e os servizos de emerxencias despregarán todos os medios necesarios para garantir a seguridade dos participantes e espectadores e a normal celebración desta proba deportiva imprescindible nas Festas do Cristo”, apuntou o subdelegado.

Respecto ás estatísticas de criminalidade, o número de delitos rexistrados no Barco de Valdeorras descendeu no que vai deste ano, respecto ao mesmo período do 2025, cunha notoria diminución nas infraccións contra o patrimonio. Eladio Santos felicitou á Garda Civil por manter un alto nivel de seguridade nas rúas do municipio como reflexa a mellora dos datos.

 

Cedida.

 

Seguimento da violencia de xénero

Outro dos asuntos tratados na Xunta Local de Seguridade foi a coordinación das actuacións en materia de violencia de xénero. O Concello do Barco de Valdeorras forma parte do Sistema VioGén, impulsado polo Goberno de España para o seguimento e protección das vítimas.

Na provincia de Ourense están activos actualmente 552 casos activos de violencia de xénero. Neste contexto, Eladio Santos reiterou o compromiso do Goberno coa protección das vítimas e coa colaboración institucional para reforzar os mecanismos de prevención, seguimento e atención. “O obxectivo común debe ser ofrecer a máxima protección ás vítimas e seguir avanzando na loita contra todas as formas de violencia machista”, subliñou.

Plan Director

En canto ao Plan Director para a convivencia e mellora da seguridade nos centros educativos e as súas contornas, no curso 2025-26 celebráronse 32 charlas nos centros do municipio, nas que participaron 1.396 alumnos e 400 pais e nais. Os temas principais escollidos foron o ciberacoso, a ciberseguridade, delitos de odio e violencia de xénero.

Fotos: O SIL agás a última da galería que é cedida.

Back to top button