CulturaCulturaÚltima hora

O Desfile dos Entroidos Tradicionais de Galicia reúne unha vintena de celebracións en Compostela

 

Unhas 500 persoas participaron este sábado no desfile dos Entroidos Tradicionais de Galicia, celebrado en Santiago de Compostela, unha iniciativa promovida por Turismo de Galicia que reunía a unha vintena de manifestacións procedentes de diferentes puntos da comunidade e que permitiu ao público coñecer de preto a riqueza, autenticidade e diversidade desta celebración.

Ás 12:30 horas, o desfile deu comezo e percorreu as principais rúas do casco histórico compostelán, convertendo durante a xornada o centro de Santiago nun escaparate das diferentes formas de vivir e expresar o Entroido en Galicia.

Esta iniciativa contou coa presenza de 20 Entroidos tradicionais galegos, cinco deles declarados Festa de Interese Turístico. Ao longo do percorrido, arredor de 500 participantes achegaron aos visitantes a singularidade dos diferentes Entroidos, mostrando os seus traxes, personaxes, músicas e elementos característicos.

Unha proposta para “desestacionalizar a oferta turística”

A celebración deste desfile fóra das datas habituais do Entroido contribúe tamén “á estratexia de desestacionalización da actividade turística de Galicia, incorporando ao calendario unha proposta vinculada a unha das manifestacións culturais máis singulares da comunidade e ampliando as posibilidades de visita durante outros momentos do ano”, tal e como apunta Turismo de Galicia.

Neste sentido, Santiago de Compostela converteuse nun punto de encontro para estas 20 expresións do Entroido galego, facilitando que cidadanía e visitantes puidesen coñecer nun mesmo percorrido celebracións procedentes de distintos puntos de Galicia. A presenza destas manifestacións na capital galega permitiu tamén dar visibilidade aos territorios de orixe e espertar o interese por coñecer as súas celebracións e tradicións directamente nos concellos onde se manteñen vivas.

 

 

Back to top button