EconomíaEconomíaÚltima hora

Descubrindo o patrimonio natural e cultural de Trives e Río, no “Rebrota Silbina”

Esta é a segunda actividade deste proxecto, promovio polo GDR Sil-Bibei-Navea

 

A segunda actividade do proxecto “Rebrota Silbina”, promovido polo GDR Sil-Bibei-Navea, celebrábase neste sábado 5 de setembro nos concellos de A Pobra de Trives e San Xoán de Río. Un variado grupo persoas, chegadas de diferentes partes de Galicia, desfrutaban dunha experiencia de inmersión nestes concellos das Terras de Trives, cun denso programa de actividades que incluían sendeirismo interpretativo, visitas culturais, degustación e feira de produtos locais e charlas de produtores locais.

Ás 9:30h. da mañá partía a ruta de sendeirismo interpretada do Agro e as Fragas do Río Cabalar dende a Igrexa do Santo Cristo da Pobra de Trives. Tras cruzar a fermosa e monumental vila de Trives o grupo introducíase na zona coñecida como O Agro, extensas e antigas terras de cultivo e pastoreo que, no pasado, tiñan unha intensa actividade e cuxo uso, e turnos de rega, se rexían por usos e costumes tradicionais  herdados de xeración en xeración.

 

 

O percorrido continuaba adentrándose nas espesas Fragas do Río Cabalar, un auténtico pulmón verde onde omnipresentes rebolos,  mesturanse con vellos soutos de castiñeiros, amieiros, bidueiros e abelairas mentres as persoas participantes desfrutaban da interpretación dos guías de Surbia Natura e algunha participante local coas súas explicacións sobre a contorna, xeografía e historia da zona.

O retorno á vila de Trives se fixo polo mítica Ponte Cabalar para recorrer un pequeño treito da antiga Vía Nova romana e entrar á Pobra de Trives novamente polo Rúa Real.

A degustación de produtos locais tivo lugar no Restaurante Palomo´s en San Xoán de Río onde as persoas participantes saboreaban esquisitos pratos preparados con produtos da zona onde non faltaron as carrilleiras, embutidos locais, orella, empanada e lacón, seguidos da tradicional Bica.

Ao remate os produtores locais de cosméticos naturais Piel Natura daban unha interesante charla sobre as plantas silvestres e o seu uso para a elaboración dos seus produtos. Os visitantes puideron probrar e levar para a súa casa todo tipo de xabóns, champús, esencias e ceras elaboradas artesanalmente no mercadiño instalado na praza da vila.

A xornada despedíase cunha visita guiada ao Castro e Poboado romano de Mourúas onde se explicaron os últimos achados arqueolóxicos da zona.

Fotos cedidas.

 

Back to top button