Gastronomía, artesanía, música, catas, obradoiros de barro e cosmética… Son os ingredientes cos que se elaboraba a VI edición da Feira de Produtos Tradicionais do Eixo Atlántico de Galicia e Norte de Portugal que na tardiña deste domingo 6 de setembro poñía o broche a dúas intensas xornadas, na rúa Academia Dequidt do Barco, coa entrega de premios do concurso e o sorteo dunha espectacular cesta con produtos e artigos donados polos artesáns presentes nesta edición (queixo, paté, doces, viño, emburtidos, pezas de artesanía…).
O concurso Debuxa O Sil que se celebraba o sabado no Paseo do Malecón, tiña este ano dúas categorías: unha infantil (menores de 14 anos) con tres premios (material de debuxo) e unha de adultos cun único premio (cesta con produtos gastronómicos).
No sorteo participaba o público que mercou nalgún ou varios postos, onde lles daban unha papeleta para cubrir cos datos, saíndo a gañadora coa primeira que unha man inocente sacaba da urna.
Fotos: Mónica G. Bellver.