
As orquestras son sempre unhas das protagonistas das Festas do Cristo que este ano celebraranse do 11 ao 14 de setembro no Barco de Valdeorras, con catro agrupacións que actuarán nos catro días. A primeira será El Combo Dominicano, unha das orquestras de música latina máis popular que na tarde e noite do sábado día 12 despregará o seu espectáculo Energy Tour no campo da festa.
Cunha traxectoria de máis de tres décadas, El Combo Dominicano destaca pola súa enerxía no escenario, a súa constante evolución, a calidade dos seus músicos e un repertorio que fará bailar o público a ritmo de cumbia, salsa, merengue ou bachata.
O domingo día 13 actuará a Orquestra Capitol, unha das formacións máis veteranas da verbena galega. Fundada en 1986 en Santiago de Compostela, leva case catro décadas levando música en directo ás festas populares, especialmente en Galicia. Destaca pola súa calidade musical, un repertorio moi amplo que combina clásicos de baile e éxitos actuais e un espectáculo pensado para públicos de todas as idades. Ese día tamén actuará América de Vigo, unha das formacións de verbena máis emblemáticas de Galicia. Fundada en 1976, caracterízase por un estilo propio baseado principalmente no rock e no pop, afastándose do repertorio máis tradicional doutras orquestras. Ao longo de case cinco décadas de traxectoria, consolidouse pola calidade das súas interpretacións, a potencia do directo e un amplo repertorio que abrangue desde clásicos de artistas como Queen, AC/DC ou The Beatles ata éxitos actuais, sempre con arranxos propios.

E xa o Día do Cristo, luns 14 de setembro, será a quenda da Orquestra Panorama City, un proxecto creado pola orquestra Panorama para ampliar a súa presenza nas festas populares, que mantén o estilo e a esencia, cun espectáculo dinámico e variado.
Toda a información sobre as festas, programa deportivo, lúdico, cultural e relixioso, entrevitas, artigos de oopinión,… no Especial O Cristo do Periódico O Sil, á venda en quioscos e librerías.