EconomíaEconomíaÚltima hora

A Ribeira Sacra pecha agosto cun 92,16% de ocupación e mantén boas perspectivas de cara ao mes de setembro

Foto: Arquivo Carlos G. Hervella.

 

A Ribeira Sacra vén de pechar agosto cun 92,16% de ocupación e mantén boas perspectivas de cara ao mes de setembro. “Os datos recollidos entre os establecementos turísticos do territorio reflicten un moi bo comportamento da ocupación durante o mes de agosto, cunha media do 92,16 %”, tal e como se destaca dende o Consorcio Turismo Ribeira Sacra.

Por categorías, os datos de ocupación foron os seguintes:

Ocupación agosto

Hoteis 4 e 3*: 97,87 %
Turismo Rural: 84,64 %
Vivendas Turísticas e de Uso Turístico: 93,50 %
Outros alox. (albergues, pensións, cámpings, apartamentos e hoteis de 2 e 1*): 92,64 %

“Agosto deixa así un dos mellores resultados dos últimos anos. A ocupación medra máis de 12 puntos porcentuais respecto a 2025, cando se situara no 80,10 %, e supera tamén os datos rexistrados en 2023 e 2024. En total, contabilizáronse 9.876 prazas ocupadas sobre 10.716 prazas totais”, tal e como indica o consorcio.

Previsións de setembro

A actividade turística mantén tamén unha evolución favorable de cara a setembro. A previsión media sitúase actualmente no 63,01 %, case 14 puntos por riba da previsión rexistrada no mesmo período de 2025, cando alcanzaba o 49,05 %.

Por tipoloxías, os hoteis de 4 e 3 estrelas presentan as previsións máis elevadas, cun 91,30 %, seguidos do resto de aloxamentos, cun 76,40 %. As vivendas turísticas e de uso turístico sitúanse no 43,79 %, mentres que o turismo rural alcanza unha previsión do 40,53 %.

Cos datos dispoñibles neste momento, estímase unha ocupación de 6.752 prazas, mantendo setembro unha tendencia superior á dos últimos anos e contribuíndo a prolongar a actividade turística máis alá do período central do verán.

Desde o Consorcio de Turismo Ribeira Sacra valórase positivamente esta evolución, tanto polo elevado nivel de ocupación acadado durante agosto como polas perspectivas para setembro.

No que levamos de ano, foron os meses de abril e de xullo os que rexistraron unha ocupación media diaria inferior á de 2025, pero o crecemento conxunto no periodo xaneiro-agosto de 2026 é dos maiores dos que temos rexistro.

Back to top button