OurenseÚltima hora

O OurFest 2026 conecta máis de catro décadas de música alternativa

Celebrarase o vindeiro sábado 19 de setembro en Expourense a partir das 17 horas con seis concertos

 

O OurFest presenta os horarios da súa quinta edición e debuxa unha xornada pensada para seguirse de principio a fin. A programación avanzará desde a precisión melódica de Germán Salto ata a descarga física e electrónica de Fat Dog, conectando polo camiño a personalidade de Triángulo de Amor Bizarro, o legado de The Dream Syndicate, o garaxe psicodélico de The Mystery Lights e unha banda fundamental para entender o rock alternativo británico: The Jesus and Mary Chain.

A orde das actuacións constrúe así un relato propio. Seis concertos encadeados que conectan xeracións, escenas e maneiras moi distintas de habitar un escenario, nun formato que permitirá asistir a toda a programación sen ter que escoller entre artistas.

O festival chega ao seu quinto capítulo cunha identidade construída desde Ourense e unha programación coidada e singular dentro do circuíto alternativo, nunha edición que conta co apoio da Xunta de Galicia a través da Axencia Turismo de Galicia, no marco dos Concertos do Xacobeo. Manterá o seu formato dunha única xornada e un recinto cuberto no que a música ocupa o centro da experiencia. Co apoio da Deputación de Ourense desde a súa primeira edición, a cita traballa para incorporar a cidade ao mapa das grandes xiras e achegar a Galicia propostas nacionais e internacionais que non sempre atopan espazo nos circuítos habituais.

Seis concertos para seguir de principio a fin

As portas de Expourense abriranse ás 17horas. Media hora máis tarde, Germán Salto inaugurará a programación cun repertorio no que conviven o pop orquestral, o power pop e a tradición americana. O músico e compositor madrileño chega coa etapa aberta por Ojo de bife, o seu cuarto álbum e o segundo gravado integramente en castelán. Producido por Ricky Falkner, o disco devolve a banda ao centro da gravación cun son máis directo, orgánico e próximo ao rock americano dos seus primeiros traballos. Durante os cambios entre concertos, Albert Petit DJ dará continuidade musical á xornada cunhas sesións nas que ampliará a súa habitual selección de música negra con punk, punk rock, power pop e outros sons de guitarras.

 

 

Ás 18:45 horas, Triángulo de Amor Bizarro tomarán o relevo cun dos directos máis persoais da música independente estatal. A banda galega chega ao OurFest tras a publicación de Mi Catedral, o seu sétimo disco e o primeiro como trío formado por Rodrigo Caamaño, Isa Cea e Rafa Mallo. O novo repertorio abre unha etapa distinta dentro dunha obra que leva máis de vinte anos medrando sen perder a súa identidade nin a súa vontade de avanzar cara a territorios novos.

The Dream Syndicate subirán ao escenario ás 20:15 horas na que será a súa única actuación en España este ano. A banda liderada por Steve Wynn conectará Expourense co Paisley Underground de Los Ángeles e cunha historia esencial para comprender o indie rock estadounidense. Desde The Days of Wine and Roses ou Medicine Show ata a súa segunda vida creativa, o grupo mantivo a mesma liberdade, tensión e capacidade para levar as guitarras fóra dos límites da gravación. Do Paisley Underground de Los Ángeles ao underground neoiorquino, ese fío estadounidense continuará ás 21:45 horas con The Mystery Lights. Nados tamén en California e asentados en Nova Iork, trasladarán ao escenario a súa mestura de garaxe punk, psicodelia e rock de espírito underground. Os seus concertos avanzan case sen pausas, sostidos pola presenza imprevisible de Michael Brandon e por unha enerxía que atopou unha nova forma en Purgatory, o seu traballo máis recente.

The Jesus and Mary Chain tomarán Expourense ás 23:15 horas. Catro décadas despois de transformar a distorsión, o feedback e as melodías do pop clásico nunha linguaxe propia, os irmáns Jim e William Reid continúan ocupando un lugar esencial na historia do rock alternativo. A súa infl uencia atravesa o noise pop, o shoegaze e boa parte das escenas que xurdiron ao seu ronsel, cun catálogo no que conviven cancións como Just Like Honey, April Skies ou Head On. Unha traxectoria iniciada con Psychocandy que mantén aberto o seu presente creativo con Glasgow Eyes, o seu oitavo álbum de estudo, gravado no Castle of Doom de Mogwai en Glasgow e marcado pola incorporación da electrónica ao inconfundible son de guitarra da banda.

Ás 1 horas, Fat Dog protagonizarán o peche e a súa primeira actuación en Galicia. A banda do sur de Londres converterá a madrugada nunha colisión de electro-punk, rock, techno e cultura rave. Tras situarse como un dos directos máis comentados da nova escena británica e trasladar esa intensidade ao seu debut, Woof., chegarán a Ourense cun espectáculo pensado para borrar a fronteira entre un concerto e a pista de baile.

As entradas para OurFest 2026 continúan dispoñibles en www.ourfest.gal e www.ataquilla.com, cun prezo de 40 euros máis gastos de xestión.

Back to top button