En portadaÚltima hora

Manuel Prada: “Quero seguir mellorando na profesión e, sobre todo, desfrutar desta experiencia en Shanghai”

Este barquense, que remataba en xuño o Ciclo Superior de Automoción no CIFP Someso (A Coruña), está a representar a España no mundial Skills, que comeza hoxe, na modalidade de Tecnoloxía de Vehículos Pesados e, no 2027, acudirá ao europeo destas olimpíadas da FP

O barquense Manuel Prada Palmeiro./ Foto: Arquivo Carlos G. Hervella.

 

Entre motores, sistemas de transmisión, carrocerías ou circuítos eléctricos móvese con gran axilidade Manuel Prada Palmeiro (O Barco, 2006). Especialmente entre os de vehículos pesados e autobuses. Sente verdadeira fascinación pola mecánica e iso levouno a optar pola formación profesional, malia rematar o Bacharelato cunha media de 9,1. Dous anos despois dese paso, en xuño, finalizaba o Ciclo Superior de Automoción no Centro Integrado de Formación Profesional (CIFP) Someso (A Coruña) e facíao con dous premios Skills (Olimpíadas de Formación Profesional) e un traballo asegurado.

Iso implicaba representar a Galicia no SpainSkills, onde se medía cos mellores alumnos de cada comunidade autónoma, e volvía ganar. Agora este valdeorrés, que tamén se clasificaba para o europeo, está a representar a España no mundial de Skill, que se inaugura neste 22 de setembro en Shanghai (China). A competición comezará mañá e na súa categoría, a de Vehículos Pesado, terá que medirse con outros 17 mozos de diferentes partes do mundo: Australia, India, Marrocos, Dinamarca, Francia, Estados Unidos, Canadá, Brasil…

Nesta ilusionante experiencia, este valdeorrés agradece o apoio do seu titor, Luis Miguel Barreiro, e o da empresa coruñesa Talleres Orlando, onde se preparou, fixo prácticas e vai seguir traballando, pese ter recidibo multitude de ofertas. “O meu maior interese é aprender, esta profesión é unha constante formación”, di.

E con ese obxectivo ía á fase galega e nacional do Skills e acude agora á mundial. “Quero seguir mellorando, coñecer xente e, por suposto, desfrutar da experiencia, non todos os días se vai a Shangai”. Recoñece que competir alá vai ser complicado, “pero hai que ir a por todas e intentalo”. Ademais resalta que este tipo de concursos permiten darlle visibilidade á FP, “para que os rapaces saiban que tamén existe esa posibilidade, e non só a de estudar unha carreira, e poidan escoller coa axeitada orientación e sen prexuízos”.

¿Por que lle apaixoa a mecánica?

Son unha persoa moi inquieta e dende neno montaba e desmontaba xoguetes porque tiña curiosidade por saber como funcionaban, tamén vía pasar os camións das canteiras e preguntábame como eran capaces de mover esa cantidade de peso. E así empecei, logo pasei a cambiarlle pezas ás bicis, probando as dunhas con outras, ou facendo de dúas bicicletas unha e, máis tarde, merquei unha moto e ese interese pola mecánica medrou máis e máis.

E optou por ela ao rematar o instituto…

Tíñao claro e non o dubidei, pese ás recomendacións dos profesores e a familia, xa que acabei o Bacharelato cunha media de 9,1. Decidín matricularme no CIFP Someso da Coruña para facer o Ciclo Superior de Automoción, de dous anos, que estou rematando agora.

¿Por que non unha enxeñería mecánica?Porque iso implicaba vela dende un punto de vista máis téorico e eu quería meterme de cheo no práctico.

¿Que se aprende co Ciclo Superior de Automoción?O máis básico de todos os sistemas que pode ter un coche, un camión ou calquera vehículo, saber como funcionan e que rexe eses sistemas, cal é a súa lóxica de funcionamento, os erros habituais que dá… É algo moi amplo e, tanto os profesores coma nós, decatámonos de que o ciclo quédase moi curto, porque tamén ves algo de carrocería.

¿E maquinaria pesada?
Non, o ciclo está exclusivamente pensado para automóbiles, pero logo, dependendo dos docentes, algúns enfócano un pouco cara o vehículo industrial, a tractores, camións… eles intentan ensinarche a base de todo, que ao final é a mesma, aínda que despois hai pequenas diferenzas, e amósannos eses matices. E grazas a un profesor dese perfil metínme no concurso Skills en Tecnoloxía do Vehículo Pesado.

¿Como foi a preparación?
O meu titor e máis eu decidimos buscar un taller para preparalo porque no instituto non tiñamos nin camión, nin tractor… E que mellor que un profesional que está a diario con iso. En abril do 2025 o centro asinou un contrato con Talleres Orlando, no que sigo traballando actualmente e que para min foi o mellor desta experiencia no Skills: ter coñecido aos meus xefes porque ensináronme absolutamente todo o que saben e máis, e comprometéronse comigo a tope dende o primeiro momento. E os logros foron grazas a eles. Entón en abril do 2025 ía ao taller polas tardes e polas mañás ao instituto. Foi unha época complicada e sacrificada porque tiña que quedarme polas noites estudando para os exames. Despois estiven todo o verán traballando con eles a xornada completa ata novembro, cando fun ao GaliciaSkills.

 

O barquense Manuel Prada, cos ouros do GaliciaSkills e do SpainSkills, xunto ao seu titor anterior e aos responsables de Talleres Orlando, na Coruña./ Foto cedida.

 

¿Con que obxectivo se presentou?
Quería probar. Tanto na fase galega como na nacional, o que me interesaba era aprender e forxarme un bo futuro como profesional no sector.

¿Como son as probas do Skills?
Danche un papel coa avaría que presenta o vehículo, que pode ser un camión, un tractor, unha máquina forestal, un autobús, unha escavadora… e tes que buscarte a vida para resolvela. Para iso dispós dun tempo determinado. Porén, resolvela tampouco significa o 100% da puntuación, só un 10-20%, o importante é que sigas un procedemento lóxico, xa que poderías chegar á solución por azar. Durante a proba un avaliador estate observando e debes ir facendo anotacións, de forma esquemática, a modo de explicación.

Polo tanto valórase o enxeño do participante á hora de buscar solucións…
Exacto, e para ter esa creatividade necesitas unha base. A esencia desta profesión é ser creativo e hábil para resolver un problema que, ás veces, non dá a cara. Nun concesionario ti vas ter, tanto a máquina de diágnose oficial como os útiles, implementos e ferramentas precisas para realizar o traballo. No taller no que estou, ás veces temos que fabricar nós o útil e pensar como podo facer para sacar isto de aquí ou afrouxar esta parte… Todo iso apórtache moita creatividade e outro punto de vista diferente ao de simplemente ir a unha estantaría e coller algo. E dache unha amplitude vital, que é moi bonita.

¿Que vehículos recibe Talleres Orlando?
Somos especialistas en autobuses que, dentro do mundo industrial, é o máis complicado porque a marca proporciónache un chasis (que é motor, rodas, suspensións e frenos) e un carroceiro, que xa vén doutra empresa completamente diferente. Entón, hai moitos conflitos entre chasis e carrocería e a calquera profesional que lle preguntes sobre maquinaria industrial vaiche contestar que non quere os autobuses nin tolo. E por iso tamén me gustan xa que resulta un traballo moito máis especializado e recoñecido dentro do sector.

Nun autobús tes a base do camión e o carrozado enriba, entón acceder a moitos puntos faise moi complicado e en temas de avarías eléctricas é máis complexo. E penso que unha das claves do meu éxito no Skills está precisamente niso, posto que o resto dos compañeiros viñan de traballar con camións, maquinaria pesada de obras públicas, de canteiras… Traballar con autobuses dache outra perspectiva porque neles hai moi pouca información técnica, moi poucos esquemas e explicacións de como funcionan os sistemas, e ter que facelo ti só, sen axuda, permíteche mellorar moito.

 

 

¿Que se sente ao arranxar unha avaría?
Moita satisfacción, aínda que ás veces tamén resulta moi frustrante porque podes estar días e días buscando, comprobando e pelexándote e probando. Pero, claro, cando o resolves, a gratificación é grandísima.

¿Comoi foi a preparación para o mundial?
A mesma que cos anteriores Skills, traballar no día a día. Agora teño un titor nacional, designado polo comité de Tecnoloxía de Vehículos Pesados, e xestionoume algúns cursos e formacións en Madrid de moitísimas marcas.

As marcas tamén usan estes concursos para fichar novos profesionais…
Por completo, cando ganei ofrecéronme multitude de propostas. Son moi novo, a vida dá moitas voltas e nunca se sabe, pero agora estou comprometido cos meus xefes, grazas a eles aprendín todo o que sei e estou moi a gusto aí.

¿Gustaríalle seguir estudando?
Vou seguir formándome, pero non estudando porque tampouco hai máis formación académica nisto. O seguinte paso sería unha enxeñería e iso vaise dos meus obxectivos, que son continuar complementándome como técnico.

¿Que lle aconsellaría a unha persoa que estea dubidando en se facer unha FP ou non?
O mundo da FP é complicado, debes estudar e traballar moitas horas, pero con esforzo e traballo, logras o que queiras. Diríalle que reflexione e mire que é o que máis lle interesa. E, se lle gusta e está animada, que vaia a por todas e que persiga os seus soños, igual que fixen eu.

Texto: A.R.

Back to top button