
Os tres hospitais públicos da Área Sanitaria de Ourense, Verín e Valdeorras realizaron 275.773 consultas e 10.966 intervencións cirúrxicas entre xaneiro e xuño deste ano, “intensa actividade especialmente relevante nun semestre marcado pola folga médica -unha semana por mes desde febreiro- con importante afectación de consultas e intervencións, pese ao que os esforzos de xestión fixeron posible reducir a espera media de consultas en 14,1 días, pasando de 66,1 en xuño de 2025 a 52 este ano no mesmo período”. Así se poñía de manifesto o 30 de setembro na presentación do balance por parte da área sanitaria ourensá.
No acto de presentación dos datos participaba o xerente da Área Sanitaria de Ourense, Verín e Valdeorras, Santiago Camba, quen destacaba que estes resultados amosan unha «consolidación da eficiencia pese ás adversidades». Expresaba a súa satisfacción “polo traballo realizado nun semestre condicionado polas folgas. Estamos satisfeitos cos resultados alcanzados despois de todas estas vicisitudes», sinalou, aínda que subliñou que «sempre poden mellorar».
A mellora dos tempos de acceso a unha primeira consulta produciuse nos tres hospitais, segundo dos datos da xerencia da área. “No Hospital Público de Valdeorras a espera media baixou de 87,5 a 49,8 días, 37,7 días menos. No Hospital Universitario de Ourense pasou de 64,5 a 52,2 días, unha redución de 12,3 días. No Hospital Público de Verín situouse en 52,7 días, fronte aos 53,1 do mesmo período do ano anterior”.
Esta redución ten especial relevancia polo momento no que se produce, “xa que nestes seis meses realizáronse un 6% menos de consultas por mor da folga. Pese a iso realizáronse neste período 275.773 consultas nos tres hospitais (220.079 en Ourense, 26.785 en Valdeorras e 28.909 en Verín). Delas, o 34% foron primeiras consultas”, segundo a xerencia.
Redución de máis de 40 días para unha primeira consulta en oftalmoloxía
Nesta redución destaca Oftalmoloxía, unha das especialidades nas que se realizou un intenso esforzo de mellora. Así, a nivel de Área, o tempo medio para unha primeira consulta pasou de 103,6 días en xuño de 2025 a 63,1 días en xuño de 2026. A baixada foi especialmente relevante en Valdeorras, pasando de 140,6 a 7,7 días, e no Hospital Universitario de Ourense, de 99,2 a 58,6 días.
Tamén relevante a diminución da espera media para unha primeira consulta de Medicina Interna, de 43,7 a 9,7 días, e de Cirurxía Pediátrica, de 47,5 a 16,7 días; pediatría de 27,6 a 11,8; ou Traumatoloxía de 38,7 a 32,4 días. Os tempos medios refírense exclusivamente ás primeiras consultas, xa que as revisións ou consultas sucesivas responden a diferentes periodicidades, sempre a criterio facultativo, polo que non se inclúen no seguemento homologado para todos os hospitais públicos.
Vías rápidas por debaixo de 15 días
As vías rápidas son circuítos preferentes para atender persoas con sospeita de patoloxías oncolóxicas ou graves, que permiten axilizar ao máximo a súa atención para confirmar ou descartar este risco. O Sergas establece un prazo inferior a 15 días para a primeira consulta por vía rápida e un máximo de 30 días entre a diagnóstico e a primeira actividade terapéutica, ambos prazos cumpríronse sobradamente en todas as vías implantadas.
No primeiro semestre incorporáronse a estes circuítos 1.855 pacientes na área sanitaria. A espera media para a primeira atención foi de 4,33 días na vía de mama; 2,98 na de colon; 1,04 na de melanoma e 7,83 na de endometrio, citando os datos da xerencia.
A Área Sanitaria de Ourense, Verín e Valdeorras ten implantadas vías rápidas de colon, de mama, melanoma, otorrinolaringoloxía, próstata, pulmón, vexiga, cabeza e colo, endometrio, esclerose lateral amiotrófica (ELA), demencia, lumbalxia e risco de suicidio, tanto infanto-xuvenil como en adultos.
Cirurxía de Prioridade 1 sempre por debaixo dos 30 días
“Pese á suspensión de intervencións e menor actividade cirúrxica causada pola folga, un 15% de intervencións menos que no mesmo período de 2025, o esforzo de planificación e xestión da actividade cirúrxica permitiron realizar 10.966 intervencións e manter nos tres hospitais públicos de Ourense a espera media en 68,9 días, ante os 61,5 días acadados en xuño de 2025”, tal e como se facía público.
Camba explicou que o impacto das folgas na programación cirúrxica se prolonga máis alá dos días de paro, pola necesidade de reorganizar a actividade suspendida. Neste sentido, advertiu de que é «moito máis fácil reprogramar» as consultas que as cirurxías.
Xunto a iso as intervencións de Prioridade 1, protexidas pola lei de garantías cun prazo máximo de realización de 30 días, tiveron neste período unha espera media de 13,1 días no conxunto da área. En concreto con 13,2 días no Hospital Universitario de Ourense, 14 no Hospital Público de Valdeorras e 11,5 no Hospital Público de Verín.
Por especialidades, a nivel de Área tamén se lograron reducir os tempos de acceso nalgunhas especialidades como Cirurxía Pediátrica, de 99,6 a 76,5 días. En Xinecoloxía de 45,4 a 36,8; ou en Traumatoloxía de 73,9 a 66,1 días. Manténdose en xeral nunha marxe contida pese á incidencia da folga.
Obxectivo: Mellorar as probas diagnósticas
Nas probas diagnósticas, a alta variabilidade tamén se reflicte nos tempos medios, que tamén se viron afectados pola folga de facultativos, á que se sumou a convocatoria de paros dos técnicos superiores, claves para a realización de moitos estudos.
Pese a todo iso, o tempo medio para unha exploración oftalmolóxica reduciuse de 43,6 a 6,3 días respecto a xuño de 2025. Igualmente, baixou a espera dos estudos de alerxia, de 96,1 a 28,8 días, e dos estudos dixestivos, de 38,5 a 23,8 días. Tamén das probas de Medicina Nuclear, cun tempo medio por debaixo de 15 días para un PET. Outros estudos como a electromiografía pasaron tamén de 43 días a 16,6.
Ademais das probas, as intervencións e as consultas neste período rexistráronse 17.509 ingresos hospitalarios e atendéronse 67.526 urxencias. As Urxencias atendidas por hospital foron 54.988 no Hospital Universitario de Ourense, 6.206 no Hospital Público de Valdeorras e 6.332 no Hospital Público de Verín. A porcentaxe de urxencias que deron lugar a un ingreso foi do 20,57 % en Ourense, do 21,77 % en Valdeorras e do 16,58 % en Verín; no conxunto da área situouse no 20,30 %.
O xerente de Área, que estivo acompañado polo director asistencia e a directora médica de procesos con ingreso, Eloy Sánchez e Silvia A. Paradelo, agradeceu o esforzo a todos os profesionais, sanitarios e non sanitarios, sen os que estes resultados non serían posibles, especialmente neste período.
