Acompañado de pacientes do Hospital de Día cos que colaborou impartindo un taller, Moncho Álvarez Souto inaugurou esta mañá a súa exposición de pintura no Hospital Universitario de Ourense, creación artística clave na súa rehabilitación tras sufrir un ictus que lle afectou a man dereita, e obrigou a aprender a pintar coa esquerda, hoxe, aos 69 anos, continúa pintando e compartindo a súa resiliencia, tamén cos pacientes do hospital.
A mostra, distribuída entre a entrada principal do edificio Cristal e a primeira planta, organízase no marco do convenio de colaboración asinado entre a Área Sanitaria de Ourense, Verín e Valdeorras e a asociación cultural Black & Chain Community, que permite achegar propostas artísticas, aos espazos sanitarios, e promover a participación dos pacientes.
A inauguración asistiron o subdirector e a xefa do Servizo de Atención ao Paciente e Humanización, José Luis Gutiérrez e Belén Piñeiro, ademais de pacientes e persoal do Hospital de Día de Psiquiatría. Con esta unidade colaborou Moncho impartindo un obradoiro de pintura, dando continuidade ao seu labor como docente e compartindo unha actividade que o acompañou durante toda a vida.
Pintar coma quen respira
Moncho fala con naturalidade da adaptación que lle permitiu seguir pintando: «Agora pinto coa man esquerda, a dereita non a podo mover». Non lle concede demasiada relevancia ao feito de retomar unha actividade que esixiu aprender a utilizar a outra man: «Non lle dou importancia. Pintar, para min é como respirar».
A pintura formou parte do seu proceso de rehabilitación e permitiulle recuperar unha práctica presente na súa vida desde a infancia. Comezou a debuxar con apenas catro anos, realizou a súa primeira exposición en Ourense aos 14 e, ao redor dos 30, iniciou tamén a súa actividade como profesor de pintura.
Ao longo da súa traxectoria explorou diferentes técnicas e estilos, cunha especial predilección polo óleo. As paisaxes, frecuentemente combinadas con figuras e elementos abstractos, ocupan un lugar destacado na súa obra. A familia é outra das súas fontes de inspiración e protagoniza numerosos retratos.

Do rugby ás camiñadas
O deporte é a outra constante na vida de Moncho, moi coñecido entre as usuarias e usuarios do Pavillón dos Remedios. De feito, foi un dos pioneiros do rugby en Ourense e formou parte dun equipo da cidade durante máis de dez anos.
Tras o ictus, a actividade física tamén regresou á súa vida, agora en forma de longas andainas de catro horas. Ambas aficcións, a pintura e o deporte, son parte da súa vida e capacidade de adaptación para seguir facendo o que lle gusta.
Arte nos espazos asistenciais
Black & Chain Community naceu en Ourense como unha incubadora cultural, tecnolóxica e social, con vocación de servizo á sociedade e de apoio á creación artística en diferentes disciplinas. Promove obradoiros, exposicións e espazos de encontro entre artistas, profesionais e cidadanía.
O convenio coa Área Sanitaria xa permitiu desenvolver un obradoiro de pintura coa colaboración de membros desta comunidade, cuxas obras presiden a entrada ao Hospital de Día de Psiquiatría. Tamén fixo posible a exposición permanente do fotógrafo ourensán Santiago Barreiros nas salas de espera de Oncoloxía, con imaxes que achegan o mar ao contorno hospitalario.
