SanidadeÚltima hora

A Garda Civil comparte coñecementos e experiencias cos voluntarios e as nenas da Escola de Pediatría

Voluntarias de Cruz Vermella, da Asociación Española Contra o Cancro e do Espazo +60 de Afundación coñeceron na cuberta saudable o traballo das diferentes unidades da Comandancia de Ourense

 

Os nenos e nenas da Escola de Pediatría e as voluntarias das entidades que colaboran habitualmente co Hospital Universitario de Ourense coñeceron hoxe de primeira man o traballo das distintas unidades da Comandancia da Garda Civil en Ourense, nunha visita organizada no marco dos actos de celebración da Virxe do Pilar, Patroa da Garda Civil.

Tras a recepción na explanada do novo edificio de hospitalización, os efectivos dividíronse en dous grupos para visitar a escola de Pediatría e reunirse, na cuberta saudable, coas voluntarias de Cruz Vermella, da Asociación Española Contra o Cancro e do Espazo +60 de Afundación, a Obra Social de ABANCA.

Nunha xornada cunha ampla participación feminina, as voluntarias mantiveron un intercambio cos axentes no que as cuestións máis próximas á vida cotiá compartiron espazo co descubrimento de especialidades menos coñecidas.

Tráfico concentrou as preguntas

Os efectivos de Tráfico suscitaron o maior número de consultas. Os accidentes con animais, a nova normativa dos patinetes e as dúbidas sobre a circulación e convivencia de vehículos con bicicletas ou tractores deron lugar a un animado diálogo sobre situacións habituais nas estradas, como risco de accidentes por alcance de animais, que producen na provincia ata 1.500 accidentes anuais.

O traballo dos profesionais da Unidade Cinolóxica e Remonta da Garda Civil que desenvolven o adestramento dos guías caninos tamén espertou interese. Na cuberta saudable estivo Kai, un cachorro de spaniel de cinco meses que está a ser adestrado para detectar armas de fogo que foron disparadas. Os cans tamén estiveron entre os protagonistas da visita a Pediatría, onde captaron a atención dos nenos e nenas, rompendo a rutina do hospital.

 

 

Drons e localización de explosivos

Entre as unidades representadas tamén estiveron profesionais do Equipo de Busca e Localización de Artefactos Explosivos (EBYL) responsables de combatir os riscos de explosivos e de natureza nuclear, radiolóxica, biolóxica e química.

Curiosamente aínda continúan aparecendo artefactos antigos, e os axentes advertiron dos riscos dos materiais explosivos mal conservados ou almacenados, que poden volverse inestables.

Tamén participaron axentes da unidade Pegaso, denominación da unidade especializada na Xestión Aeronáutica e de Seguridade Operacional, que desenvolve funcións de prevención e control de incidentes relacionados cos drons.

Na súa explicación, os efectivos destacaron o emprego destes dispositivos en Ourense para buscar persoas desaparecidas. Para iso contan cunha cámara térmica, capaz de detectar fontes de calor e facilitar a localización. Abordaron tamén a prevención de riscos asociados ao voo de drons en espazos con gran afluencia de persoas.

O encontro incluíu o labor de contacto, información e prevención que a Garda Civil desenvolve con persoas maiores e coa infancia.

Back to top button