PolíticaÚltima hora

O BNG levará ao pleno de Viana do Bolo unha moción de apoio á manifestación en defensa da sanidade pública no Barco

 

O grupo municipal do BNG de Viana do Bolo levará á vindeira sesión plenaria desta Corporación municipal, previsto para o 7 de outubro, unha moción de apoio á manifestación en desfensa da sanidade pública que se celebrará o 17 de outubro no Barco.

A moción nacionalista comeza sinalando que “as características socioeconómicas, culturais e orográficas dun territorio e unha poboación, condicionan como esta nace, cal é o seu ciclo vital, as enfermidades que padecerá ao longo da súa vida, e incluso a forma en como esta morre. Coñecer a través de estudos epidemiolóxicos, a prevaleza das patoloxías que afectan ás poboacións é unha obriga de calquera administración que teña a responsabilidade de xestionar un sistema publico de saúde e os seus investimentos, mais no Distrito Sanitario de Valdeorras néganse a facer estudos epidemiolóxicos de prevaleza de silicose no territorio pese a ter unha importantísima incidencia dela desde vai mais dunha década”.

Tamén se indica no texto da iniciativa, entre outras cuestións. que “as nosas características orográficas, con terreos de montaña, dispersión poboacional, illamento, vías de comunicación en malas condicións, climatoloxía adversa nos invernos, poboación envellecida, pluripatolóxica e polimedicada e vehículos antigos son un caldo de cultivo para os accidentes de tráfico ou a imposibilidade de acceso axeitado ás prestacións sanitarias. O noso índice e severidade da sinistralidade laboral, e en xeral no seu conxunto ocupa postos destacados no estado español mais a administración sanitaria négase a implantar en Valdeorras unha base do 061 con ambulancia de soporte vital avanzado medicalizada (SVA) ou de SVA con enfermaría (SVAE)”.

Ademais os nacionalistas aseguran na moción que “o dereito á información en materia de persoal sanitario , ven reflectido entre outros no artigo 10, apartados a, e b, da Lei 1/2016 de Transparencia e bo goberno da Galiza, mais négase a administración sanitaria a dar por escrito unha información clara das prazas básicas e xefaturas médicas e facultativas que ten o Hospital Público de Valdeorras (HPV), de cantas están cubertas, cantas vacantes e cantos contratos temporais hai por cada un dos servicios clínicos e asistenciais do HPV”.

E proseguen indicando que “cando vemos que a destrución do tecido sanitario do noso distrito é incuestionábel, cando vemos a infradotación en recursos humanos tanto da atención primaria como hospitalaria, a perda de servizos clínicos no HPV , a inadecuación da carteira de servizos ás patoloxías prevalentes na zona, a ausencia de pediatras en atención primaria, a inexistencia de xeriatras para unha poboación envellecida, un HADO con escasos recursos e posibilidades, a non cobertura de permisos e baixas, a excesiva rotación de persoal facultativo, o escaso tempo de consulta por paciente, a negativa a dotar ao noso distrito dunha base do 061 cunha ambulancia medicalizada ou de SVAE, o escurantismo, a falta de información e diálogo, o desprezo á poboación do noso Distrito Sanitario etc. dámonos conta de que non queda outra que seguir manifestándonos nas rúas como acto colectivo dunha cidadanía que reclama os seus dereitos, o seu dereito a unha protección da saúde próxima e de calidade”.

Por todo isto, a moción do BNG plantexará ao pleno da Corporación de Viana do Bolo a aprobación dun acordo para amosar “unha posición pública a favor da manifestación que a Plataforma sanitaria de Valdeorras convocará o día 17 de outubro de 2026 ás 17,30 horas no Concello do Barco de Valdeorras”.

 

Back to top button