
O Parador de Santo Estevo acolleu este mércores a presentación oficial da X edición do Trail Ribeira Sacra (TRS), que se celebrará o domingo 11 de outubro con saída e chegada en Luíntra. No acto interviñeron Esther González, directora do Parador de Santo Estevo; Diego Novelle, presidente do Grupo Organizador do TRS; Raúl Soto, concelleiro de Deportes do Concello de Nogueira de Ramuín; Diego Enrique Álvarez, asesor de Política Deportiva da Deputación de Ourense, e Manuel Pérez, xefe do Servizo Provincial de Deportes da Xunta de Galicia en Ourense.
Esther González deu a benvida ás persoas asistentes e destacou o vínculo entre o Parador e a carreira. “É para nós un pracer acoller o TRS. Máis ca unha colaboración, é formar parte e apoiar un evento que pon en valor o territorio, a paisaxe e a saúde”, sinalou. A directora celebrou contar con Santo Estevo un ano máis no percorrido e felicitou a organización, á que lle desexou todo o éxito nesta décima edición.
Diego Novelle repasou a traxectoria dunha proba que en dez anos pasou de ser un soño local a gañar un oco no calendario internacional. O presidente quixo subliñar, sobre todo, o carácter emocional da carreira:
Contacto de prensa: María Fernández · +34 678 50 61 48 · maria@trailribeirasacra.es www.trailribeirasacra.es · Instagram @trailribeirasacra · X @TRAIL_RS
“O TRS é unha carreira, si, pero é moito máis ca unha carreira. É a emoción da saída de noite en Luíntra, cos frontais acesos e o corazón a mil. É o veciño que sae á porta a aplaudir, a voluntaria que leva horas no avituallamento e aínda che regala un sorriso. É unha gran familia que cada outubro volve á casa. Iso é o espírito TRS”.
Novelle lembrou que o TRS botou raíces no territorio, con trofeos feitos a man por un oleiro da zona, marcaxe compostable, sen vasos de plástico, as mesmas categorías e premios para mulleres e homes e unha Gastroexperiencia dedicada ao produto galego, e agradeceu o traballo dos máis de cen voluntarios e voluntarias que fan posible a proba.

Récord de participación
A décima edición chega coas inscricións esgotadas en só nove días. Tomarán a saída máis de 500 corredoras e corredores procedentes de oito países (España, Portugal, Francia, Países Baixos, Suíza, Estados Unidos, Colombia e Rusia) e de quince comunidades autónomas, xunto a 361 galegos e galegas. A participación feminina acada o seu máximo histórico, con 106 mulleres, e a persoa máis veterana na saída ten 77 anos.
O reto mantén a súa esencia: 48 quilómetros e 3.450 metros de desnivel positivo, con saída ás 8:00 horas e un tempo máximo de 11 horas, polo Mirador da Lampa, o Parador de Santo Estevo, A Rasa, Pé do Home, Outeiro do Voadeiro e Pombar antes de regresar a Luíntra.
Novidades do décimo aniversario
Por primeira vez, o TRS abre a xornada á infancia e á mocidade con dúas carreiras novas, lúdicas e non competitivas: TRS Rapaces, para mozas e mozos de 10 a 17 anos, con 1,3 quilómetros e saída ás 11:00 horas, e TRS Cativos, para nenas e nenos de 0 a 9 anos, con 800 metros de percorrido e saída ás 11:30 horas. “O futuro do trail na Ribeira Sacra comeza por elas e por eles”, destacou Novelle. E, como cada ano, a rapazada contará tamén con inchables para vivir a xornada en familia.
A organización preparou ademais unha homenaxe moi especial durante a xornada, que se manterá en sorpresa ata o día da carreira.
A #GastroexperienciaTRS volverá á Praza Maior de Luíntra das 14:15 ás 19:30 horas, con varias estacións de degustación e sete selos de Galicia Experiencias de Calidade. Como novidade, contará cun espazo dedicado ás especialidades de Ourense, cun lugar destacado para os produtos de Nogueira de Ramuín, e con opcións veganas e sen glute. A xornada rematará cunha verbena moi especial: concerto de folk rock do Bruxo Queiman ás 20:30 horas e fin de festa con A Gramola ás 23:00 horas.
Traballo conxunto
Raúl Soto puxo en valor o traballo conxunto que hai detrás da proba. “Como representante do Concello, grazas, porque entre todos conseguimos un produto cultural e turístico do que me toca presumir a nivel nacional”, afirmou o concelleiro, que agradeceu tamén a implicación de todo o equipo do Concello e de Protección Civil.
Diego Enrique Álvarez agradeceu o apoio da Xunta a esta e a outras probas, o do Concello de Nogueira de Ramuín, por saber coidar o municipio, e o do Parador. “Como Deputación, estamos orgullosos dunha organización que soubo envolver un evento deportivo nunha proposta turística, gastronómica e recreativa”, sinalou, antes de desexarlles sorte a todas as persoas participantes.
Pechou o acto Manuel Pérez, que felicitou a organización polo seu traballo e polo aniversario. “Coñezo moitos eventos, trails, carreiras e maratóns, pero o TRS é moi especial por todo o que o envolve. Promociona a Ribeira Sacra cun valor incalculable a nivel internacional”, afirmou. Pérez subliñou que nun ano tan especial as institucións non podían máis que sumarse: “Se o Concello, a Deputación e a Xunta estamos apoiando xuntos é porque o merecedes”. Destacou tamén a alta ocupación do Parador durante a fin de semana da carreira e animou o público a achegarse a Luíntra para ver “un auténtico espectáculo”. E pechou cun compromiso: “Dez edicións e, como mínimo, outras dez. Prometo que en 2027 a correrei”.