
A Asociación para a Loita Contra as Enfermidades Renais de Ourense (ALCER Ourense) vén de recibir 1.518 euros procedentes da II Travesía Solidaria a Nado NON-STOP EuNadoPorEles e PorElas, unha recadación que se destinará ao programa NutriALCER.
A entrega oficial dos fondos realizábase este mércores, 7 de outubro, no Centro Cultural Marcos Valcárcel da capital da provincia, nun acto no que participaron Miguel Quintas, presidente de ALCER Ourense, e Felipe Iglesias, en representación da Asociación Deportiva-Cultural EuNadoPorEles e PorElas, organizadora da proba así como dos demais membros do equipo directivo da asociación deportiva (Rafael Tabarés, Mónica Méndez e Antonio Iglesias).
NutriALCER é o programa de atención nutricional de ALCER Ourense, que ofrece ás persoas con enfermidade renal orientación profesional e individualizada sobre alimentación, adaptada á súa situación e ás súas circunstancias persoais. O programa combina asesoramento e seguimento nutricional, resolución de dúbidas, actividades e recursos divulgativos, co obxectivo de facilitar información práctica e ferramentas que permitan incorporar pautas alimentarias axeitadas ao día a día.
Os fondos recibidos permitirán dar continuidade a este servizo e seguir desenvolvendo as accións vinculadas á atención nutricional, integradas no acompañamento que ALCER Ourense presta ás persoas con enfermidade renal.
“Para ALCER Ourense é importante que iniciativas como esta nos permitan chegar a novos públicos e sumar persoas e entidades ao compromiso coa saúde renal. Que unha actividade deportiva se converta tamén nunha vía de apoio ao noso traballo demostra todo o que se pode conseguir cando se unen participación, solidariedade e compromiso”, sinala o presidente da entidade.
Unha recadación aberta máis alá da proba
Os 1.518 euros proceden das 86 inscricións na travesía e das doazóns realizadas por particulares a través da Fila Cero, habilitada pola organización para facilitar a colaboración de persoas que quixesen contribuír á causa sen participar directamente na proba.
Deste xeito, a iniciativa ampliou as posibilidades de participación máis alá da actividade deportiva. Dende ALCER Ourense agradecen á Asociación Deportiva-Cultural EuNadoPorEles e PorElas, ás persoas participantes, ao voluntariado e ás entidades e empresas colaboradoras a súa implicación nesta iniciativa.
Máis de 80 participantes no río Miño
A II Travesía Solidaria a Nado NON-STOP celebrouse o pasado 20 de setembro no río Miño, ao seu paso por Laias, no Concello de Cenlle, e reuniu a máis de 80 nadadores e nadadoras. A proba contou con modalidades de 4, 3 e 2 horas, con participación individual ou por equipos de relevos, ademais dunha modalidade popular de 500 metros.
Na modalidade individual, Patricia Alegría e Baltasar García lograron os maiores rexistros feminino e masculino nas 4 horas, con 5 e 12 voltas, respectivamente. Nas 3 horas, Pablo Longa completou 8 voltas, mentres que nas 2 horas os maiores rexistros corresponderon a Cristina García, con 5, e Roberto Quiroga, con 6.
Nas modalidades de relevos, os equipos gañadores foron Tres Percebes y un Mate, na categoría de 4 horas, con 14 voltas; Valeixe e arousaman&arousawoman +1, na de 3 horas, ambos con 9 voltas; e Tartarugas do Lérez, na modalidade de 2 horas, con 5 voltas.
A xornada completouse coa entrega de diplomas personalizados, un aperitivo para participantes, acompañantes e voluntariado e a posterior entrega de trofeos, nunha edición que volveu contar coa colaboración de diferentes entidades e empresas.
Con esta recadación, ALCER Ourense incorpora novos recursos para NutriALCER e dá continuidade a unha liña de atención que sitúa a alimentación como un elemento máis dentro do coidado das persoas con enfermidade renal.